Presentación do Plan de Sostibilidade turística de Santiago de Compostela

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda; o secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés Verelst; e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, presentaron o Plan de Sostibilidade turística para a cidade, que conta cun orzamento, cofinanciado polas 3 Administracións, que acada os 3 millóns de euros para o período 2020-2022.

A decisión da aprobación deste Plan, xunto ao da Ribeira Sacra foi trasladada polo Goberno central ao vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, durante a derradeira reunión, da Conferencia Sectorial de Turismo, por parte da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.

O Plan de Sostibilidade turística de Santiago de Compostela ten como finalidade principal promover accións de promoción co obxectivo posto na reactivación e dinamización do sector turístico, coa aposta polo Xacobeo e pola xestión dos fluxos turísticos que conflúen na capital de Galicia. Ademais de impulsar o modelo turístico da cidade de Santiago, dispoñendo dun sistema de intelixencia de turismo e sustentabilidade para planificar e analizar as dinámicas do turismo na cidade, medir os seus efectos e mellorar a súa xestión.

Segundo indicou Alfonso Rueda, “debemos procurar entre todos converter á capital de Galicia nunha referencia mundial na xestión sobre o turismo e a sustentabilidade, potenciando e recuperando o seu protagonismo e liderado turístico. Temos que contribuír á reconstrución económica e social do turismo en Santiago coa diversificación, coa recuperación da vitalidade do casco vello, desestacionalizando e reforzando o Camiño de Santiago, e aproveitar o Ano Xacobeo 2021 como plataforma de lanzamento”.

Este tipo de iniciativas contarán sempre co apoio do Goberno galego xa que agora nestes momentos é de gran importancia para a nosa economía, reactivar, potenciar e dinamizar o noso sector turístico, indicou o Vicepresidente primeiro. Xa que é un dos sectores moi afectado pola pandemia no que é necesario  desenvolver novas medidas e manter as xa existentes coa oportunidade do Xacobeo 2021, no que o Goberno galego xa está traballando con antelación para que sexa un dos mellores Xacobeos posibles. 

E sempre coa premisa de Galicia como Destino Seguro, procurando que os turistas nos visiten con confianza, coa seguridade de que están nun lugar seguro. De aí, a necesidade de aproveitar estas propostas para seguir traballando para recuperar o turismo galego, e así tamén a economía galega.