Preparados para atender de xeito áxil as solicitudes que cheguen do sector hostaleiro


A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, indicou que a Consellería de Emprego e Igualdade está preparada para atender de xeito áxil as solicitudes de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que cheguen do sector hostaleiro. Explicou que os negocios de hostalería poden acollerse, en virtude das súas circunstancias, aos ERTE por impedimento ou por limitación previstos polo Real Decreto Ley 30/2020, de medidas sociais en defensa do emprego, aprobado polo Goberno central. 

No caso de que a súa rendibilidade dependa dos grupos de clientes non convivintes de forma esencial, especificou, teñen a posibilidade de aplicar exencións nas cotas da Seguridade Social do 100% por medio dos ERTE por impedimento. Se non existe esa dependencia, pero o establecemento perde parte do seu negocio, os propietarios poden solicitar un ERTE por limitacións, “o que dará lugar a unha exoneración das cotas da Seguridade Social do 100 % no mes de outubro, 90% en novembro, 85% en decembro e 80% en xaneiro 2021”, especificou. 

Mancha lembrou que a Consellería de Emprego e Igualdade está a traballar nos axustes do plan de axudas a microempresas, cara a contemplar as súas necesidades “coa previsión de que nunhas semanas se faga a publicación no DOG” e se poidan solicitar por un sistema “moi sinxelo” coa documentación mínima que axilice o procedemento.