As remodeladas instalacións do campo do Club de Golf Río Cabe en Monforte de Lemos xa son unha realidade grazas á achega de 40.000 euros da Deputación de Lugo para esta actuación que pasou dos 9 buratos aos 18 actuais, cun percorrido de preto de 1.600m2.
O
convenio da Deputación incluíu a instalación de múltiples elementos de
sinalización, como bandeirolas, marcas do solo ou placas informativas; a
preparación do campo, cun semellado, acondicionamento e sega dos greenes; e os
controis para a celebración do torneo, como as tarxetas de puntuación ou a
recepción dos participantes na proba.
No
acto de inauguración da remodelada instalación, o presidente da Deputación de
Lugo, José Tomé Roca, dixo que “esta é unha boa noticia para os afeccionados
deste deporte, para Monforte, para a Ribeira Sacra e para o turismo de toda a
provincia”.
O
Presidente destacou neste sentido a colaboración que fai a Deputación “co
deporte e coas iniciativas que contribúen a consolidar unha oferta turística de
calidade, sostible, variada, que aporte valor engadido coma esta. Unha oferta
que poña en valor a nosa paisaxe, o patrimonio, a gastronomía e que ofreza
tamén actividades de lecer adecuadas ás demandas do actual mercado turístico”.
O
mandatario provincial sinalou que o golf é un deporte cada vez máis popular e
un dos que máis medra e fichas federativas, polo que recoñeceu ós impulsores da
remodelación do campo monfortino“ que souberan detectar esa demanda, darlle
resposta e ampliar a oferta golfista da nosa provincia”.