A transformación da Gran Vía, no tramo entre María Berdiales e Venezuela, afronta a súa recta final. O Concello de Vigo traballa desde dende xa na plantación de 207 árbores, 710 arbustos e ata 2.800 plantas de temporada coas que culminará a remodelación da rúa, que inclúe as ramplas mecánicas no bulevar central, en probas dende este xoves.
“Calculamos que acabaremos a final de mes, cando inauguraremos as ramplas e a nova humanización da Gran Vía”, avanzou Caballero. A obra forma parte do proxecto Vigo Vertical, cofinanciado pola Unión Europea a través dos Fondos FEDER, e conta cun orzamento de cinco millóns de euros.
Cos medios mecánicos, “queremos eliminar a pendente” do 9% e ademais “utilizar o bulevar”, que presenta agora un cuberta concibida como “unha fermosísima escultura; é precioso ver as cores subindo a Gran Vía”, afirmou o alcalde.
A vexetación prevista triplica as 68 árbores presentes neste treito da Gran Vía antes da súa remodelación, en parte exemplares que tiveron que ser retirados por atoparse en mal estado. Caballero amosou en rolda de prensa fotografías da mala condición das árbores, con “risco para as persoas, porque estas árbores podían ter caído en calquera momento”.