Moreda asegurou que esta posibilidade de compra supón "unha gran noticia para Pontevedra" e indicou que "estamos ante nunhas negociacións únicas, aproveitando unha oportunidade temporal e única, e a nosa prioridade é abrir este espazo para a cidade".
O concelleiro explicou que, dunha banda, as monxas da orde das Clarisas "transmitíronnos que ven con moi bos ollos que o Convento pase a mans do Concello para poñelo a disposición do pobo, e que non se convirta nun elemento de especulación"; mentres que por outra banda, o Concello "está en disposición de estudar a maneira de facerse cargo deste edificio".
Tamén informou que no marco destas negociacións, está previsto que nos vindeiros días técnicos municipais fagan unha visita ao Convento "porque hai que revisar como está o edificio, a estrutura, que tipo instalacións ten e como están, sobre todo para evitar sorpresas e poder facer unha valoración".
Máis dunha hectárea gañada para a cidade Esta operación urbanística suporía, segundo Xaquín Moreda "a compra dun edificio e dun terreo de máis dunha hectárea de superficie en pleno centro da cidade, que se o poñemos a disposición da poboación conformaría unha zona de esparexemento bastante importante".
Moreda fixo fincapé en que dispoñer deste ben implicaría contar "cun edificio de gran valor histórico nunha ubicación óptima, cerca do río e pegado á praza de Barcelos, e evitar a degradación do patrimonio, porque os edificios cando se abandonan acaban arruinados.