O Bono Turístico #QuedamosenGalicia amplía o prazo de duración


A Xunta ampliará ata maio de 2021 o prazo de duración do programa do Bono Turístico #QuedamosenGalicia para facilitar as opcións para desfrutalo. Así, o prazo para que as empresas se adhiran e para o consumo de servizos, actividades ou produtos turísticos por parte dos beneficiarios estenderase ata o 31 de maio, cando inicialmente remataba o 13 de decembro. Tamén se amplía o prazo para que os usuarios poidan solicitar a súa tarxeta: remataba este 30 de novembro pero queda prorrogado ata o 10 de decembro. Ademais, o Goberno galego ten previsto renovar esta iniciativa o próximo ano.

Así o anunciou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, durante un acto en Pontevedra co presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, organización coa que colabora na posta en marcha desta iniciativa de reactivación do sector turístico.

Cómpre lembrar que o Bono Turístico ten como colectivo beneficiario ao persoal sanitario e sociosanitario de Galicia co obxectivo de fomentar o consumo de produtos turísticos no noso territorio. Cada beneficiario recibe unha tarxeta moedeiro cargada con 250€ que só poden consumir nos establecementos e servizos turísticos adscritos ao programa. 

O programa púxose en marcha en xullo, como resposta a un sector “que pedía medidas de estímulo e reactivación”. Tiña a data de finalización fixada para este mes de decembro. Con todo, as restricións fixadas nos últimos tempos para facer fronte á epidemia de coronavirus dificulta que os beneficiarios poidan facer uso dos seus bonos, de aí que a Xunta teña decidido amplialo ata maio de 2021. Desta forma, dáse unha maior marxe temporal aos usuarios e continúase impulsando a actividade turística fóra da tempada estival. 

Tal e como explicou o vicepresidente, as persoas usuarias “tiñan a previsión de gastalo durante estes meses, cando a demanda é máis baixa. Pero estamos nunha situación onde hai unhas restricións de mobilidade importantes, o que provoca que moitas persoas non poidan gastar os seus bonos”.

Cómpre ter en conta que esta ferramenta de reactivación directa da demanda turística xa suma, ata o momento, máis de 18.000 persoas inscritas como beneficiarias destas tarxetas moedeiro, isto é, máis do 90% do total de beneficiarios potenciais. A ampliación do prazo ata o 10 de decembro para que os usuarios poidan inscribirse ten tamén como obxectivo chegar ao total previsto: 20.000 beneficiarios.

Estes datos son proba de que este é “un produto que está funcionando” e, dada a situación na que se atopa o sector, a Xunta aposta por seguir por este liña. “O certo é que estamos no momento máis baixo da temporada, na temporada baixa, e iso, unido ao coronavirus, fai necesario que ese apoio se siga producindo e temos que ser capaces de dar ese apoio”, reflexionou Rueda. 

Por iso, avanzou que os orzamentos de 2021 incluirán unha previsión para aumentar o bono turístico, que terá un investimento global o ano próximo de 6 millóns de euros, incluíndo o novo orzamento xunto co que pase a executarse en 2021 procedente do programa deste ano. Neste sentido, invitou a que máis empresas e administracións se sumen a este produto turístico para “conseguir un efecto multiplicador” e chegar a máis xente, polo que se estudará a posibilidade de ampliar os colectivos beneficiarios