O presidente da Asociación Provincial de Empresarios
de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, estivo presente onte nunha mesa de diálogo co vicepresidente
primeiro da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo,
Alfonso Rueda; a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a
directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, para abordar a complexa situación
do sector hostaleiro da comunidade e valorar as medidas e axudas necesarias.
Na xuntanza, celebrada no edificio administrativo de
San Caetano en Santiago de Compostela, estiveron representantes das asociacións
de hostalería de Galicia. Segundo indica Cheché Real, “vanse mobilizar ao redor
de 14 millóns de euros e creouse unha mesa de negociación entre a hostalería e
a administración para perfilar as axudas”.
A previsión é que estas axudas se publiquen o día 16
de novembro, se tramiten por medio dunha declaración responsable e se poida
acceder a elas xa en decembro.
Real resaltou que “todas estas medidas chegan tras
as concentracións levadas a cabo nos últimos días, por iso cremos que é moi
importante continuar apoiando todas as accións que se organicen. Estar unidos
parece a única vía para lograr as nosas reivindicacións e salvar os nosos
establecementos”.