NON HAI ECONOMÍA SEN SAÚDE _Editorial HGg&T 227

Un negro panorama ameaza a economía española, por mor dun virus que mediatiza, condiciona e diezma a sociedade deste país que, como tantas veces temos subliñado, ten na actividade turística e nos seus actores necesarios -a comercialización da viaxe e a hostalería (o aloxamento e a restauración, xunto co amplísimo abano do negocio de descanso e lecer) máis da metade dos movementos de caixa habituais. 

Escoitamos para esta edición de HGg&T a voz do subsector máis directamente afectado e máis indefenso diante dos efectos dun enemigo invisible pero de efectos tanxibles: sen turistas non se venden camas, nin mesas de restaurantes, nin servizos de terraza, nin agasallos de lembranza e autoctonía, nin festa, nin consumos, vaia. Sen viaxeiros non hai turoperación, nin reunión, non vén quen gasta. 

Sen saúde poboacional retráense os movementos cidadáns, redúcense as libertades, prodúcense, outra cousa é cómo, os consecuentes confinamentos finais que, mordéndose o rabo como a pescadilla, deixan a hostalería sen clientes, aos seus proveedores de consumos sen pedidos, e uns e outros sen alimento para os postos de traballo respectivos. Eis a crise encadenada que chega tamén á produción alimentaria, equipamentos, á capacidade de gasto. 

Con independencia do mellor ou peor que se fagan as políticas ao caso, cómpre non perder a perspectiva, táctica ou ideolóxica, para esgrimir coa forza da razón a reivindicación de paliativos que sen dúbida precisa o sector, que non é precisamente o victimismo, si o xustamente preciso para pasar este deserto pandémico. Partimos de que sen saúde non flúe a economía, apúntao o Fondo Monetario Internacional, que non é precisamente un sindicato. Saber a onde ir, con que se pode contar e para que, en que condicións chegar… Pero difícilmente se chegará sen unha sociedade libre de covid19-20-21…