Marta Giráldez: Non entendemos o traballo en Turismo se non é en colaboración con tódalas Administracións

A Mancomunidade do Salnés alíase coa Deputación de Pontevedra para a promoción do turismo, non só na comarca, senón en toda a provincia. A presidenta provincial, Carmela Silva, recibiu á titular da agrupación territorial, Marta Giráldez, e ao seu xerente, Ramón Guinarte, no que é o primeiro encontro institucional dende a renovación da directiva da mancomunidade o ano pasado.

Carmela Silva expresou a súa “alegría” pola celebración desta xuntanza e explicou que abordáronse “os fitos máis importantes para a promoción do turismo”. Así adiantou que “O Salnés pode e debe ofertar moita diversidade na súa oferta e, ademais, atesoura algo moi central, como son os Camiños a Santiago, eido no que se ten convertido nunha referencia de innovación e creatividade de cara á atracción de visitantes”. A presidenta anunciou que a Mancomunidade, ao igual que outros colectivos, terá voz na elaboración do Plan Estratéxico de Turismo da provincia, proceso actualmente en marcha, e tamén no desenvolvemento de “proxectos concretos que darán moito que falar”. “Temos unha provincia moi dinámica que, fronte ás consecuencias terribles da covid, non queda sentada, senón que se pon a pensar. Estamos reactivando a provincia”, subliñou.

A xuízo da titular da Deputación “hoxe iníciase unha nova etapa de relación e iso vaise  traducir en bos resultados, porque é sabido que na Deputación gústanos integrar as ideas que nos chegan dende os concellos e as mancomunidades, así que a miña felicitación á presidenta da Mancomunidade por entender que sumar é imprescindible”. Neste eido indicou que están madurando novos produtos turísticos “que non só importan ao Salnés e a súa contorna, senón á provincia e a toda Galicia”.

A presidenta do ente comarcal, Marta Giráldez deixou claro que non entende o traballo no turismo “se non é en colaboración con tódalas Administracións, e a Deputación está ao noso carón”. “Por iso  non comprendiamos que non existira esa colaboración próxima, nin os anos que se perderon, sen traballar da man; que non se deixaran á marxe problemas que, en todo caso, eran xerados por unha das partes”, remarcou.

Giráldez expresou o seu agradecemento polo feito de que Carmela Silva teña outorgado “visión provincial” aos ”proxectos potentes” nos que se está a traballar dende o Salnés, como son a promoción da Variante Espiritual, ruta Pai Sarmiento, Navega o Camiño e Orixe de tódolos camiños. “Estou convencida, tras esta reunión, de que imos avanzar con eles e alcanzar tódolos obxectivos que nos trazamos”.

A Mancomunidade do Salnés agrupa a un área de 109.000 habitantes nunha bisbarra que é referencia para o turismo galego. Agrupa e defende os intereses dun total de nove concellos: Cambados, A Illa de Arousa, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, entre os que catro deles (O Grove, Sanxenxo, Vilagarcía e Cambados) están declarados Municipios de Interese Turístico de Galicia dende hai varios anos.