Dous anos despois da súa creación, a Axencia Galega de
Calidade Alimentaria (AGACAL) cambia de director. Toma o mando José Luis
Cabarcos, co que falamos para facer balance do conseguido ata agora e coñecer a
súa folla de ruta de cara ao futuro.
Substitúe a Manuel Rodríguez tras dous anos de xestión. Como valor o traballo do seu predecesor? A que se debe o cambio?
A valoración é moi positiva. Foi unha transición natural, un
pouco na liña doutros cambios que se fixeron na consellería
Que obxectivos se marca para a Agacal?
Continuaremos mantendo o que tiñamos, pero cunha clara
vocación de facelo medrar. No curto prazo buscamos manter o calendario que
retrasamos polo COVID cos premios dos viños, das augardentes, dos queixos… A
medio prazo temos a ambición de aumentar os elaboradores inscritos nas
Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas. Neste momento o
conxunto das D.O. E IXP facturan uns 500 millóns de euros, nós pretendemos
facer medrar esta cifra de facturación gañando elaboradores. No longo prazo
contémplanse temas de emprendemento, cuestión de recuperación do territorio
para convertelo en produtivo… temos unha parte importante e Galicia abandonada
que é susceptible de ser aproveitada.
Un dos últimos proxectos desenvoltos pola Agacal foi o
decreto de Artesanía Alimentaria. Que se pretende conseguir?
Tratamos de dar resposta a pequenas producións que se
organizan sobre todo en zonas locais cunha ferramenta que permita promover,
protexer e potenciar eses produtos. Non hai que esquecer que o cliente hoxe en
día busca un produto sostible, de proximidade… cobran valor aspectos que antes
estaban máis nun segundo plano. Sacamos un decreto que inclúe 16 grupos
diversos: elaborados lácteos, aceite de oliva, cervexa… Hai unhas normas
técnicas que se aplican a cada un deles e afectan ás súas materias primas, ás
prácticas de elaboración, limitación de medios mecánicos… E tamén límites de
produción. Un artesán ten unha capacidade de produción limitada, se non xa
estaríamos falando dunha industria máis
extensiva.
Supoño que agora o reto será dalo a coñecer e sumar
inscritos.
Temos un plan de comunicación que contemplaba actuación nas
provincias, complicóusenos un pouco polo tema do COVID e estamos valorando
facer cuestión máis vinculadas co streaming. O caso é que haberá unha ronda de
presentación a nivel galego, buscamos dar a coñecer esta posibilidade, que os
artesáns se animen e vexan unha oportunidade.
Como avanza a IXP Pan de Galicia?
Agora o que tratamos é de incrementar o número de
elaboradores. Estamos traballando para dar a coñecer esta posibilidade que
teñen os produtores sempre que cumpran os requisitos que poñemos. Está máis
avanzado que o tema da artesanía, ademais non hai que esquecer que ten o seu
propio consello regulador, a artesanía levámola directamente pola súa
diversidade.