Contrareloxo de La Vuelta por Muros e Costa da Morte con subida ao Ézaro

As comarcas de Muros e da Costa da Morte volven ser hoxe martes 3 de novembro protagonistas dunha etapa de La Vuelta, coa colaboración da Deputación da Coruña. Trátase da única etapa contra-reloxo desta edición. 

Un itinerario de 33,7 quilómetros que parte desde Muros, percorre a costa e remata co ascenso ao Miradoiro do Monte Ézaro, en Dumbría, un dos finais máis duros e épicos da Vuelta, xa que conta con pendentes de ata o 30% e vistas espectaculares da única cascada de Europa que desemboca directamente ao mar.

Con saída no porto de Muros, a etapa discorrerá por Louro, San Francisco, Lariño, Carnota, O Viso, Caldebarcos, Panchés, Quilmas e O Pindo, onde comezará a suba á "parede" do Ézaro.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e os deputados José Manuel Pequeño e Xosé Luis Penas reuníronse hoxe co director xeral de Unipublic, Javier Guillén, organizador de la Vuelta, cuxos corredores gozan hoxe dunha xornada de descanso na Coruña.

Debido á situación sanitaria ocasionada pola pandemia da Covid-19, tanto a organización de La Vuelta coma a Deputación da Coruña e os concellos polos que pasa solicitan á cidadanía que siga La Vuelta por TV a través de RTVE ou Teledeporte (en directo a partir das 13.40 horas).