Camiño-covid. É que non damos feito (Xosé M. Palmeiro)

“E por que se ve isto tan triste? Sonlle os tempos, señor”. Vai xa para dez meses que un pode situarse por momentos no arranque ideado polo gran Rulfo para o seu Pedro Páramo. A tristura de Comala seica anda a cabalo do coronavirus, levado por un aloucado, apocalíptico xinete. Tristeramente enmascarado anda todo entre nós. Vai xa para dez meses.

Alarmados quedamos -queda a alarma- tamén nas rúas e no Camiño por antonomasia, si, ese que leva desde hai máis de mil anos a Santiago de Galicia. Así andamos desde a primavera porque fronte á ameazadora pandemia-covid semella que non temos xeito ningún, que non damos feito. As situacións críticas non cesan e mesmo van a máis no medio do desacougante suma e segue das perdas humanas e da brutal desfeita socioeconómica e laboral. Vivimos de milagre e diríase que anda todo prendido con alfinetes. 

Na inminencia da apertura da Porta Santa da catedral compostelá (31 de decembro) que ha poñer en marcha o Ano Santo número 120, temos a impresión de estar recompoñendo a casa do Xacobeo na busca dos personaxes ou na inventio dos autores. Asoma o inverno, tradicional tempo de pausa para o Camiño, pero vai para dez meses que o inverno-covid detivo os pasos dos peregrinos, fechou os albergues e o medo, a incerteza, e os confinamentos puideron mais que o programa camiño seguro, protocolo de actuación nas rutas xacobeas en Galicia a prol dunha peregrinación adaptada á desfeita da covid.

Peregrinos, turistas e visitantes ordinarios agardan tempos mellores para se desprazaren, mentres continúa, tortuosa, a precaria vida da mal chamada nova realidade que aínda non foi quen de respostar sumariamente á pregunta, “que vai ser de nós no Camiño ou na casa?”

Sonlle os tempos, señor. De novo, Pedro Páramo. “Ninguén anda na procura de tristezas”. Sexa. Pero arestora non vemos xeito de acabar co inverno. Que Deus e o Noso Señor Santiago o fagan mellor. Amén.

Xosé M. Palmeiro