Balance dos plans de acondicionamento do Camiño, e reformulación do Xacobeo2021


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o firme compromiso da Xunta coa ruta xacobea na provincia de Pontevedra, e fíxoo durante a súa participación na primeira Mesa do Camiño da provincia celebrada este ano e que tivo lugar hoxe de xeito telemático. Castro fixo balance das últimas actuacións da Xunta no marco dos plans de acondicionamento, sinalización e conservación dos itinerarios; para a mellora da acollida dos peregrinos na rede de albergues públicos e no plan de embelecemento e posta e valor do patrimonio do Camiño de Santiago. 

Unhas actuacións que no seu conxunto supoñen un investimento de máis de 5,4 millóns de euros en obras executadas entre 2019 e 2020 nas distintas rutas xacobeas que atravesan a provincia. “Traballos que permitiron actuar en 23 concellos da provincia”, explicou Nava Castro, quen destacou o acondicionamento e sinalización do Camiño Portugués interior e pola Costa, por importe de case 1,8 millóns de euros, o acondicionamento do albergue de Pontevedra, cun custo de case 200 mil euros ou o novo albergue de Vigo, “que estará en funcionamento en xaneiro do próximo ano tras un investimento de 1,8 millóns de euros”. 

Finalmente neste capítulo, a directora de Turismo de Galicia tamén destacou o inminente comezo dos traballos no Camiño do Inverno que suporá un investimento de 450.000 euros na comarca do Deza. 

Reformulación do Xacobeo2021 
Ademais de repasar as actuacións que a Xunta levou adiante en Pontevedra a través do Plan de Mantemento e o Plan de Embelecemento e as iniciativas aprobadas no eido cultural no marco da segunda convocatoria do programa O Teu Xacobeo, o encontro de traballo tamén serviu para trasladarlle aos participantes na mesa as grandes posibilidades que abre a próxima extensión da rede cicloturista Eurovelo na provincia, que permitirán contar cun novo itinerario pola costa no que convivirán peregrinos e ciclistas. 

Finalmente Nava Castro tamén anunciou na Mesa a próxima presentación no mes de novembro da reformulación do Xacobeo2021, “un traballo vivo no que estamos inmersos e que retoma a esencia mesma do Camiño”, explicou. 



Unha reformulación que vén marcada polas actuais condicións sanitarias e por unha aposta “pola recuperación da esencia do camiño, dos espazos abertos e do talento local co obxectivo de celebrar un Ano Santo aberto, descentralizado e diversificado en todo o territorio”.