A terceira xornada Turistic afondará sobre o uso e aplicación das TIC

Tralo éxito das dúas primeiras edicións, a Deputación de Pontevedra lanza a terceira xornada Turistic que terá lugar o vindeiro mércores 2 de decembro en liña a través da plataforma online Streamyard. Trátase dunha xornada “con grandes profesionais do turismo na que se afondará sobre o uso e aplicación das TIC no ámbito turístico”. Concretamente, tal e como explicou Silva, analizaranse as oportunidades e desafíos para o sector turístico, a transformación dixital, proxectos e tecnoloxías que favorezan un destino seguro, sostible e de calidade, novos modelos turísticos xurdidos a raíz da crise sanitaria ou a influencia no sector dos ODS e o Green Deal da Unión Europea.

A xornada, que ten xa aberta a inscrición, contará co “máis potente do turismo tanto a nivel público como privado” e participarán, entre outras persoas, a xerente de Innovación e Transformación Dixital da OMT, Natalia Bayona, coa que a presidenta manterá xa un encontro o vindeiro luns “seguindo a liña de traballo para sumar sinerxías e estar á vangarda do máis novidoso que se está a impulsar no turismo”. 

A apertura da terceira edición de Turistic terá lugar ás 9.30 horas coa participación da presidenta da Deputación Carmela Silva, do presidente do Clúster de Turismo César Pardal, do presidente do Clúster TIC Antonio Rodríguez del Corral e da secretaria de Estado de Dixitalización Carme Artigas. A continuación emitirase o vídeo de Bayona e ás 10.45 terá lugar a primeira mesa redonda, titulada “Retos do turismo na era Covid”, que será moderada pola xornalista Nani Arenas e na que participarán Kin Martínez (CEO Esmerate), Lucía Freitas (Restaurante A Tafona), Marian Gómez (xerente e propietaria de Casa A Pedreira) e Ana Trevisani (directora de OPC Galicia). 

Ás 11.30 horas terá lugar a mesa redonda “A tecnoloxía ao servizo dos novos modelos turísticos”, moderada polo xornalista Paco Nadal, na que participarán Raúl Jiménez (CEO Minube), Álvaro Carillo (director xeral do Instituto Tecnológico Hotelero) e Cristina del Castillo (responsable de HORECA de Too Good to Go). A continuación a experta en marketing Clara Soler moderará a mesa “Boas prácticas en turismo sostible e responsable” na que van participar Marcos Pérez (director da Fundación Galicia Sustentable e do Mercado de la Cosecha), Natalia Rodríguez (export Mánager e responsable de comunicación de Señorío de Rubíos), Mar Rodríguez (CEO e fundadora de Tee Travel) e Iván Luarca (CEO de Eccocar). A ponencia final, ás 13 horas, será  a cargo do xornalista, escritor, conferenciante e analista de turismo Fernando Gallardo.