A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal contará cunha estratexia de xestión de crises covid-19


O Plan de Investimentos Conxuntos (PIC) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para o período 2021-2027 apostará pola innovación, a ecoloxía, a cohesión e por encarar o desafío demográfico. Ademais, incluirá unha estratexia de xestión de crises, nomeadamente de crise sanitaria, tendo en conta as circunstancias provocadas pola covid-19. 

Así o explicou hoxe o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, tras visitar a sede da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal. No encontro, fixeron balance das actividades que a AECT desenvolveu durante este ano e avaliaron o PIC, que se prevé que se poida aprobar en breve, na reunión do próximo plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. 

O PIC é un documento que serve para planificar de forma coordinada os investimentos. De feito, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal foi a primeira en contar cunha ferramenta destas características no actual período 2014-2020. Grazas a isto e á boa xestión dos proxectos, esta Eurorrexión posicionouse como a primeira en captación de investimento dentro do Programa Interreg para España e Portugal (POCTEP) entre 2014 e 2020. En concreto, captou 135 millóns de euros para 80 proxectos. 

O novo Plan de Investimentos servirá de guía para intentar levar de novo á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a ser a máis beneficiada da fronteira hispano-lusa. Este documento estratéxico vai en liñas coas prioridades europeas e enfócase en superar a actual situación reforzando a competitividade e poñendo en valor as fortalezas da Eurorrexión. 

Rueda valorou que é importante abordar agora o novo PIC, en tanto “empeza un novo período financeiro en Europa” e tamén se está falando dos novos fondos de Recuperación e Resiliencia. Neste contexto, apostou por que todos os proxectos “que teñan que ver coa cooperación transfronteiriza estean primados”. 

Puxo tamén en valor a experiencia desta Eurorrexión, “que leva moitos anos cooperando” e que, dentro da fronteira hispano-lusa, “é a zona que máis intensamente coopera”. Así, apostou por que “esa relación persoal intensa que sempre houbo entre os habitantes dos dous lados das fronteiras teña tamén a súa correspondencia nas relacións entre administracións, que sempre foron boas”.