A Deputación da Coruña apoio ao audiovisual en galego


Seis novas películas que chegarán ás pantallas en galego reciben o apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña a través dunha nova liña de apoio que ten como obxectivo difundir producións cinematográficas en galego ou traducidas a nosa lingua. A convocatoria deste ano conta cun orzamento de 116.156 € que se distribúe entre seis películas, estreadas nos últimos meses ou, algunha delas, como "Ons" de Alfonso Zarauza, de próxima estrea.

En poucos días, "Ons" estrearase no Festival de Cine de Sevilla e esta mesma fin de semana "Lúa vermella", de Lois Patiño, chegaba ás pantallas comerciais. Son dous dos filmes que este ano apoia a área de Cultura da Deputación da Coruña co obxectivo de contribuír á súa difusión e achegar películas en galego ao público.

"Esta liña de axudas foi creada precisamente para contribuír á paliar o déficit de cinema en galego nas pantallas. Son poucas as películas que chegan ao público na nosa lingua e, por iso, desde a Deputación da Coruña quixemos deseñar novas ferramentas para apoiar a presenza da nosa lingua nos cines", explica o deputado de Cultura, Xurxo Couto, a respecto da convocatoria de axudas que vén de resolverse con subvencións para seis produtoras con outros tantos proxectos cinematográficos. A través da liña de axudas, a área de Cultura financia gastos de difusión, publicidade, subtitulado, dobraxe ou comunicación social co obxectivo de facilitar que o público poida acceder ás películas en lingua galega.

Esta liña da apoio súmase ao programa "Visións" da Rede Cultural para impulsar a difusión de contidos audiovisuais na programación cultural dos concellos, de maneira especial a difusión da produción audiovisual galega, ademais do apoio a festivais audiovisuais organizados por concellos e entidades que son obxecto de dúas liñas de axuda en concorrencia competitiva que fan da Deputación da Coruña a institución que con máis decisión apoian estas plataformas de difusión do cinema.