A carne de poldro, saudable e saborosa



A Asociación de Criadores de Pura Raza Galega destaca a grande acollida que está a rexistrar de novo en Galicia a carne de poldro e especialmente na cidade de Lugo, onde pode volver consumirse dende finais deste verán logo de máis de dous anos sen esta oferta. 

Este produto alimenticio, que destaca polas súas propiedades nutricionais, tense convertido segundo diversos informes científicos nun dos máis saudables, non só pola súa achega en proteínas ou pola baixa proporción en colesterol (ata catro veces menos có polo, con 20 miligramos fronte aos 78 da ave), senón tamén polo seu reducido nivel de graxa, 20 veces inferior ao do porco (de 1 a 3 gramos no caso do poldro, que contrastan cos 23-32 do outro animal). 

A estas cualidades engádenselle a carga enerxética que supón, con entre 107 e 121 kilocalorías, case a metade das 216 que pode acadar unha ración de cordeiro. 

En canto ás localidades nas que se pode adquirir, cómpre destacar que, polo de agora, na provincia de Lugo, a que concentra máis criadores de Galicia, só existen dous puntos de venda autorizados co selo de calidade 100x100 raza autóctona Cabalo de Pura Raza Galega (Finca Loureiro en Burela e Carnicería Montes en Lugo), “con independencia de que haxa outros establecementos que poñan a disposición dos seus clientes este produto en toda Galicia”, matiza Isabel Casariego, representante de PURAGA, quen reivindica o papel dos criadores deste animal na provincia. 

“Estamos a falar de que Lugo concentra o 65% das explotacións de toda a comunidade, seguida da Coruña (21%) e, a máis distancia, Pontevedra (12%) e Ourense (2%)”, resume, ao tempo que subliña que “dende a concesión da nosa marca, o número de carnicerías nas que se comercializa tense duplicado no último ano”. 

A carne de poldro destaca polo seu sabor, cun toque doce e moi agradable debido ao alto contido en ferro hemo; pola súa tenrura, cunha baixa achega en coláxeno; e por unha cor rosada motivada pola elevada achega de mioglobina.