A campaña da vendima 2020 conclúe oficialmente en Valdeorras cun total de 5.535.104 quilos de uva recollidos. Desta cifra, de novo a variedade godello segue a ser a raíña con 3.529.060 quilos colleitos. Tras ela, por orde de importancia sitúanse a mencía (1.286.289 quilos), a garnacha (334.576 quilos) e a variedade palomino (274.133 quilos).
Xa en menores cantidade e en sentido decrecente temos a variedade sousón (56.363 quilos); a tempranillo (25.445 quilos); a albarello (12.926 quilos); a merenzao (9.594 quilos); dona branca (4.588 quilos); mouratón (3.480 quilos); caíño tinto (1.160 quilos) e gran negro (990 quilos).
Tras máis de mes e medio de traballo nas viñas, nun contexto de especial dificultade marcado pola fixación de protocolos de traballo específicos anti-Covid, de novo constátase, segundo destaca o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, que “estamos perante unha colleita de elevadísima calidade, que agardamos teña unha gran acollida nos mercados”.