Turismo de Galicia promociona o proxecto Gerês-Xurés no Congreso Virtual Transfronteirizo



A dinamización conxunta da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX), a primeira reserva da biosfera transfronteiza coa que contou España, centrou o Congreso Virtual Transfronteirizo de difusión do proxecto Gerês-Xurés que se celebrou hoxe de xeito online e no que participou a directora de Turismo de Galicia. No acto inaugural Nava Castro estivo acompañada do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, o presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal (TPNP), Luis Pedro Martíns, e a directora rexional da Conservaçâo da Natureza e das Florestas do Norte (ICNF), Sandra Sarmento. 

Cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, o goberno galego está implicado no proxecto Gerês-Xurés a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a Axencia de Turismo de Galicia. Cun investimento total de 1,9 millóns de euros no proxecto, a Xunta xestiona accións por importe de 750.000 euros co obxectivo de fortalecer a entidade e identidade propia da RBTGX mediante o fomento da participación activa dos actores do territorio, a promoción do seu desenvolvemento económico e turístico sustentable e a protección e conservación do seu patrimonio natural e cultural. 

Tal e como destacou a directora de Turismo de Galicia na súa intervención, “o noso traballo para a dinamización desta reserva da biosfera pasa pola creación, posta en marcha e comercialización dunha oferta turística centrada no patrimonio cultural, especialmente arredor do megalitismo, e no turismo de natureza, incorporando o termalismo e a gastronomía como elementos transversais que constrúan un produto turístico sustentable e competitivo”. 


Investimento turístico 
No caso de Turismo de Galicia a contía do investimento ascende a 150.000 euros do que se leva executado máis do 50% en accións formativas de desenvolvemento da actividade turística sostible e ambiental; accións de dinamización turística e de promoción da gastronomía do territorio, así como unha análise dos fluxos de visitantes e da capacidade de carga do territorio. 

O proxecto, que rematará en febreiro do ano que vén, inclúe, ademais, accións para a a ordenación da actividade turística na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés, a produción de contidos turísticos para os puntos de información virtual nas entradas do lado galego da RBTGX e a creación, promoción e comercialización dun produto turístico transfronteirizo así como o deseño e acondicionamento de roteiros nos territorios galego e portugués.