Tur-hostalería groveira fronte aos viñedos do mar de Arousa



Ao Grove, pertencente á comarca do Salnés, éntrase polo istmo da Lanzada, praia en forma de concha e de augas abertas ideal para os surfistas, coa ensenada de O Bao ao outro lado. A península meca é un mundo en si mesmo, cunha completa oferta turística, tanto de aloxamento como de restauración, porto pesqueiro e lonxa na que a centola, que ten xornadas gastronómicas organizadas polos restaurantes, é a raíña dos crustáceos.

Varias navieiras ofrecen rutas marítimas pola ría de Arousa en Catamarán nunha vila que en outubro reúne a milleiros de visitantes co gallo da Festa do Marisco, que este ano non se celebrará, pero si haberá marisco nos restaurantes, máis recomendable por certo có que se ofrece nas carpas de degustación. 

Este pobo mariñeiro, que no estío se convirte en destino turístico, ten na Illa da Toxa un dos seus buques insignia, Centro de Interese Cultural que destaca polas súas augas termais, campo de golf e casino; ou o paseo de Pedras Negras en San Vicente do Mar, destino vacacional de referencia na comarca.

Varias son as alternativas de lecer en terras mecas: rutas de sendeirismo, o Aquarium ou mergullarse no Museo da Salga en Punta Moreiras, unha industria que daría paso a finais do século XIX á conserveira.

Precisamente se nos achegamos dende O Grove á Illa de Arousa, en barco ou por estrada, poderemos visitar o Museo da Conserva, no edificio que albergou a fábrica de conservas Goday, que foi a primeira industrializada en Galicia.

Na outra banda da Ría de Arousa, na provincia da Coruña, a comarca do Barbanza (Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo), está dominada polo miradoiro da Curota, dende o que se divisa unha panorámica atlántica espectacular. Esta comarca ten a concentración máis importante de fábricas de conservas en Galicia, alternativa para o turismo industrial.

Ribeira, que ten un dos portos de baixura máis importantes de Europa, é a vila máis populosa da comarca, e único municipio galego cun Parque Nacional como o das Illas Atlánticas e un Parque Natural, o das Dunas de Corrubedo, coa illa de Sálvora como vixía.

A Pobra, con moito que ver, por exemplo as Torres de Xunqueira e Bermúdez, a igrexa de Santiago do Deán, os Sarcófagos de O Pomar, a Barca de San Amaro ou o conxunto de petrógifos de Pedra Leirada, ademais de fermosas praias, igual co resto dos municipios da comarca.

Boiro ten un dos maiores monumentos megalíticos de Galicia como é a Arca do Barbanza, e Rianxo bonitos pazos e hórreos e os cruceiros das Trece Cruces, en Punta da Braña, entorno vencellado á Traslatio, ruta xacobea que agora tamén percorre toda a comarca por terra en paralelo á ruta marítimo fluvial pola que segundo a tradición se trasladaron os restos do apóstolo a Santiago.