RUTA DO VIÑO DE VALDEORRAS, As remotas Covas da Autoctonía Vinícola

    HGg&T_226      DÍAS DE VIÑO E VIÑAS 
    RUTA DO VIÑO DE VALDEORRAS


Seguindo a Vía XVIII chegamos ao Val de Valdeorras, antiga porta de entrada a Galicia na que o Sil vai cobrando forza antes de unirse ao Miño na Ribeira Sacra. Un territorio apenas explotado como destino turístico que hoxe se reivindica ante viaxeiros que foxen de masificacións e buscan respirar en terras cheas de autenticidade.

Un lugar cunha tradición secular vinculada ao viño que impregna dende o recuncho máis escondido ata o sentir de vilas e aldeas, pero que quizais teña o seu elemento máis singular nas súas tradicionais covas. Trátase de antigas bodegas escavadas na terra e na roca, auténticos santuarios subterráneos do viño agrupados en barrios, que nos sorprenden dende fóra coas súas vistosas chemineas (chamadas refugallos) e que nos transportan cara outras épocas e costumes cando nos adentramos nas súas profundidades para probar entre vellas barricas un Godello ou un Mencía de Valdeorras.

Unha experiencia única que se complementa coa gastronomía da zona, as visitas e as catas que ofrecen as bodegas, elementos patrimoniais como a Ponte Bibei ou o Santuario de As Ermidas de O Bolo… Aínda que quizais a mellor forma de coñecer a comarca sexa perderse camiñando por espazos naturais tan destacados como a Serra de Enciña ou o Teixadal de Casaio.