Recuperación da antiga traza do Camiño Real entre Moaña e Cangas, un proxecto de mobilidade segura


As comunicacións entre os concellos de Moaña e Cangas coñecerán un cambio radical unha vez que finalicen as obras do “Eixe de Mobilidade Segura de Interconexión dos centros urbanos de Moaña e Cangas”, que a Deputación de Pontevedra está a impulsar no marco do plan DepoRemse. O proxecto, que no lado de Moaña está moi avanzado, foi visitado pola presidenta provincial, Carmela Silva, e a alcaldesa moañesa, Leticia Santos. Unha vez que se complete coa execución da parte que corresponde ao Concello de Cangas, pecharase un proxecto de mobilidade segura tan singular que, en palabras de Carmela Silva, “non hai ningún que sexa comparable en toda Galicia”. 

A actuación supón a recuperación, con criterios do século XXI, do histórico Camiño Real que une ambas localidades ao longo de 5,3 Km, dos que 2,9 corresponden ao termo municipal de Moaña. O investimento neste municipio é de 574.962,77 euros achegados pola Deputación (485.357,50 euros da subvención do plan DepoRemse e o importe restante co Plan Concellos). As obras, que atravesan catro núcleos de poboación históricos e afectan a máis de 400 propiedades situadas nas súas beiras, están a ser executadas pola empresa Covsa, que apura os últimos remates en materia de servizos, equipamentos e mobiliario urbano. A parte correspondente a Cangas será licitada a principios de novembro, avanzou a presidenta. 

Carmela Silva, que estivo acompañada na visita polo deputado de Cooperación Santos Héctor e de varias/os concelleiras/os, cualificou este proxecto como “o máis especial de todos os “depoRemses” que temos en marcha”; “temos feito moitas cousas e moi boas, pero eu estou segura de que o que estamos a crear entre Moaña e Cangas vai ser copiado”. A presidenta, que significou que tiña moitas gañas de “pasear e sentir esta obra”, destacou que “ten o enorme valor de que xurde do acordo entre dous concellos”. Explicou que hai 5 anos, cando un novo Goberno chegou á Presidencia da Deputación, púxose en marcha “un modelo valente para construír novos espazos e territorios de mobilidade amable, coas persoas no centro”. “A pandemia amosounos que precisamos de espazo público para a xente, que acertamos con este modelo, que supuxo cambiar do piche e os monstros de catro rodas ás persoas”, valorou.

O proxecto supón a recuperación integral da antiga traza do Camiño Real que comunicaba pola costa os núcleos de Moaña e Cangas, configurado actualmente por estradas municipais heteroxéneas e sen ordenar correctamente. Con esta obra configúrase unha alternativa peonil-ciclista segura á PO-551, a estrada comarcal que vertebra O Morrazo e que resulta especialmente perigosa e pouco “amigable” coa mobilidade sustentable e residencial. Os 2,9 Km do Camiño Real que transcorren por Moaña quedan estruturados en 6 subsectores en función das características do viario existente: Rodeira, Vilela, O Foxón, Igresario, A Mansadía e o Con, todos eles con velocidade limitada a 20 Km/h. 

O deseño baséase nun tratamento de plataforma única no que destaca a instalación dunha banda continua de “slurry” de cor azul (cor corporativa en Moaña e Cangas para marcar as infraestruturas peonís) que funciona como un titor para separar aos vehículos e crear un espazo seguro para os peóns. Ao mesmo tempo, a propia banda ofrece un carril para bicicletas, patíns, patinetes e vehículos de mobilidade adaptada. Nos cruzamentos da rede local a banda azul anchea ata os 3 metros creando unha “lingua” que marca a preferencia peonil-ciclista e dá a sensación de espazo restrinxido para os vehículos. A obra inclúe tamén a creación de praciñas e espazos de lecer, con mobiliario urbano: bancos, fontes, papeleiras, unha canastra de minibasket, unha pérgola e aparcamentos para bicicletas.