Programación do Festival de Cine Inclusivo de Vigo dedicada aos sanitarios

 

A programación completa do Festival de Cine Inclusivo de Vigo incluirá 28 proxeccións no Auditorio do Concello e nos cines Salesianos entre o 13 e o 17 de outubro. Esta edición, que vén marcada pola crise sanitaria xerada polo COVID19, está dedicada aos sanitarios e, por ese motivo, varios dos traballos audiovisuais que se van proxectar serven para dar a coñecer e valorar o traballo dos sanitarios. Ademais, no acto inaugural proxectarase, fóra de concurso, De chaque instant, o último documental de Nicolas Philibert. Este documentalista francés está considerado un dos mellores de Europa e do mundo e tras estar ingresado no hospital e quedar abraiado da dedicación dos sanitarios que o atenderon, filmou De chaque instant sobre a vocación dos enfermeiros. Esta proxección faise en colaboración coa Alliance Française e o Institut française de Vigo.

A pesar de todas as restricións impostas pola pandemia, este ano o festival crece con novas seccións competitivas. Por unha parte divídese a parte de documental na sección VIG-IN-DOC, dentro da que se proxectarán as seguintes longas documentais pola inclusión: Crip Camp (A Disability Revolution), Midnight Family / Urgencias en México DF e Ara Malikian: una vida entre las cuerdas; e a sección SHORT-IN DOC de curtas documentais pola inclusión entre as que están: Carne, Un viaje inesperado, Woman, Paraíso, Otra forma de caminar i El monstruo invisible. Estas seccións súmanse á SECCIÓN INCLUSIVE de longametraxes de ficción na que atopamos os seguintes títulos: Nematoma (Bailando en la niebla), Cuerdas e Remember me. E a sección de curtas de ficción audioescritas e subtituladas. Co obxectivo de achegar o cine a todas as persoas, as proxeccións incluídas nesta sección serán accesibles para as persoas con problemas de visión ou audición. A través da aplicación desenrolada por ONCE AudescMobile, todas as persoas con algún tipo de discapacidade visual grave poderán acceder a estas proxeccións que terán lugar o sábado 17 a partir das 18.00 horas no Auditorio do Concello. Este pase tamén será accesible para as persoas con dificultades auditivas xa que os filmes están subtitulados para persoas con sordera e haberá intérprete de lingua de signos. As curtas incluídas neste bloque son as galegas: Homoaquia, Para sempre Malévich e Xoves de Comadres, ademais de Orquesta Los Bengalas, Operación R.A.E., El método PIGS, There Will be monsters, Loca e Polter.

Outra das novidades do festival é o concurso de webseries online. Todo o público xa pode ver as cinco series que participan nesta primeira edición a través da web do festival e votar a súa favorita. No concurso deste ano participan as webseries Enfermedades raras, Indetectables, Amor superdotado, #Sitcom e Hasta la vista!. Os directores das mesmas escolleron un capítulo que xa se pode ver online en: https://www.festivalcinevigo.es/webseries/ Despois de velas, todo aquel que o desexe pode escoller a súa favorita. O prazo para votar remata o xoves 16 de outubro ás 23.55 horas. Paralelamente ás proxeccións, desenvolveranse unha serie de actividades que pretenden crear conciencia sobre a inclusión no seu aspecto máis amplo. Manuel Burque, guionista e actor na serie Vida Perfecta creada por Leticia Dolera, será o encargado de guiar o webinar Vida perfecta e como rachar moldes’ da sección Coñece! do festival, dirixida a escolas. O sábado 17 ás 12.00 da mañá e de forma telemática terá lugar a Charla con AGAG (Asociación Galega de Guionistas). Baixo o título ‘El último show e a representación da terceira idade na ficción’. O mesmo día pero ás 16.00 horas, terá lugar a única actividade presencial do festival, o café con CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización). Os directores Noemí Chantada (La mujer invisible) e Alex Cancelo (Aysha) participarán no coloquio ‘A responsabilidade dos creadores coa realidade’

A V edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo volverá celebrase no Auditorio do Concello e nos cines Salesianos. Dada a actual situación sanitaria tomaranse todas as medidas precisas (redución de aforo, uso obrigatorio da máscara, puntos de desinfección a entrada e saída dos auditorios etc.) para crear un evento seguro. Por este mesmo motivo, decidiuse pasar ao formato telemático parte das actividades paralelas ás proxeccións.

A Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN) organiza o V Festival Internacional de Cine Inclusivo de Vigo, co obxectivo de dar a coñecer, apoiar e valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión, a igualdade e a difusión universal da sétima arte. O festival non sería posible sen o patrocinio e colaboración de diferentes Administracións e entidades privadas.