Programación completa da semana cultural do San Froilán


A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou o programa que seguirá a semana de actividades culturais do San Froilán. Ferreiro informou que “contaremos con elementos clásicos do San Froilán que se veñen celebrando nos últimos anos, mais adaptándoos á situación actual para que o centro da programación sexa que toda a veciñanza de Lugo teña acceso a actividades culturais de maneira segura”.

A Letra das Festas, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, terá o seu oco na programación deste ano, o 6 de outubro no salón de actos da Deputación de Lugo. O San Froilán dos Devanceiros volverá editarse este ano, cun texto de Adolfo de Abel Vilela sobre A Exposición Rexional de 1896. Mónica Alonso será a encargada de realizar a ofrenda a Rosalía de Castro, o vindeiro domingo 11 a partir das 12:30 no Parque de Rosalía.

Outros espazos, como o San Froilán Asociativo, a Feira de Antigüidades ou o Arte San Froilán volverán ter presenza nesta semana de actividades do San Froilán, adaptados á situación actual e garantindo o cumprimento dos protocolos indicados polas autoridades sanitarias.

“As agrupacións locais terán o protagonismo nos concertos e nas actividades de rúa”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “contaremos con máis de 50 grupos de Lugo e unha serie de grupos galegos de primeiro nivel”. A edil de Cultura informou que as entradas poderán retirarse de maneira gratuíta a partir de mañá no portal entradaslugo.es.