Programa da Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense



O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto ao asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar, e os coordinadores da Ourense ICC Week, Juan Rivas e Manuel Araújo, deu a coñecer a imaxe e o programa da edición especial da Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense, que terá lugar do 7 ao 10 de outubro. A música, o deseño e outras novas formas de expresión artística serán as protagonistas desta cita coa innovación, que este ano se adapta as especiais circunstancias motivadas polo COVID-19.

O programa inclúe unha programación musical con destacados artistas do panorama musical actual como Anni B Sweet, e Juan Perro, ademais das reflexións de Alejo Stivel. Oscar Mariné, unha das figuras máis destacadas do deseño, achegará ata Ourense a súa visión do mundo e tamén haberá espazo para a análise da industria dos videoxogos, sector en constante crecemento. Debido ás circunstancias actuais, os aforamentos das charlas serán limitados, con inscrición previa, e todas as actividades poderán seguirse en directo, a través de canle de Youtube da ICC Week.

A Ourense ICC Week volve unha vez máis a centrar a súa imaxe no patrimonio cultural da provincia de Ourense, convertendo a Ribeira Sacra na protagonista desta nova edición, e remarcando a aposta da Deputación de Ourense na súa candidatura para converterse en Patrimonio da Humanidade. Neste marco, o Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil será o escenario da primeira xornada do ICC Week, que acollerá o encontro do Consello Asesor de Cultura de Ourense, onde se analizará o futuro do sector cultural despois do COVID, ademais da entrega dos premios "Rodolfo Prada" á xestión cultural e "Xosé Aurelio Carracedo" de xornalismo

A xornada inaugural contará tamén coa conferencia de Oscar Mariné, destacado deseñador, ilustrador, tipógrafo e artista, quen ven de realizar numerosos traballos nacionais e internacionais en campos tan diversos coma o deseño editorial, a imaxe corporativa, o cine ou a industria musical e se define a si mesmo como un comunicador sen límites.

A música na ICC Week

Dentro da programación musical, Santiago Auserón será un dos artistas destacados nesta edición. Auserón está entre os máis importantes compositores e músicos dos últimos 40 anos en España. O vindeiro sábado, 10 de outubro, subirá ao escenario do Auditorio, dentro da súa xira 2020 'Cantos de Ultramar', onde segue mesturando a súa herdanza rockeira coa tradición musical cubana. Santiago Auserón será tamén o invitado especial do Foro La Región & ICC Week, o venres 9, cunha conversa onde amosará o seu perfil máis íntimo, presentando o seu libro 'Semilla del Son'.

Unha edición máis, a Ourense ICC Week aspira a espallar as iniciativas culturais e musicais por toda a provincia. Deste xeito, Anni B Sweet chegará a Ribadavia para presentar o seu cuarto disco, o primeiro en castelán da súa carreira, 'Universo por estrenar', nunha sesión vermú o sábado 4 de abril, con entrada de balde -previa inscripción-, e na que tamén estarán Yawners e Isaac Pedrouzo, completando o cartel. Previamente e tamén en Ribadavia, o escritor e filósofo Ernesto Castro aportará a súa análise sobre a fama e a sua democratización na era das redes sociais, nunha charla na Igrexa da Magdalena aberta ao público, con inscrición previa.

A industria musical tamén será protagonista na intervención de Alejo Stivel, quen fará unha interesante revisión sobre a figura do produtor musical, baseada na súa propia experiencia vital. Cofundador do grupo Tequila, banda coa que acadou numerosos éxitos nos inicios dos 80, Stivel leva dedicados máis de 30 anos a produción musical, teatral e publicitaria. O venres 9 dará a súa charla no CIFP A Farixa, dirixida ós estudantes deste centro e que tamén poderá ser seguida por streaming, na canle de Youtube da ICC Week, como no resto das actividades programadas. Ademais, ata o 15 de outubro tamén se pode gozar no CC. Marcos Varcárcel da exposición "The Rolling Stones Expo", onde se repasa a traxectoria da mítica banda de rock a través de 400 pezas seleccionadas.

A ICCWeek tamén inclúe nesta edición un espectáculo de monólogos, #comicamente, que levará ata A Rúa o venres 9 de outubro aos cómicos galegos David Amor, Ledicia Sola e Sergio Pazos. Xuntos trasladarannos aos tempos do apoxeo dos monólogos, ao máis puro estilo da stand up comedy. As entradas para este espectáculo están a venda en Ataquilla e tamén na mesma billeteira do Centro Cultural Avenida da Rúa.

Videoxogos e eSports

A industria dos videoxogos e os e-sports teñen entidade propia nesta semana das industrias culturais, como ven sendo xa habitual nesta cita coas novas expresións culturais. Nesta edición, condicionada polas circunstancias actuais, as competicións de eSports se celebrarán en liña, sen actividades presenciais. Así, no marco da ICC Week celebraranse as finais dos torneos máis importantes de eSports de España. Os protagonistas serán os cinco videoxogos de máis éxito na actualidade, coas finais das competicións de FIFA20 e Fortnite, as Super Competicións de escudarías de F1 2020, e a Super Competición de escudarías Gran Turismo que se estiveron desenvolvendo as ultimas semanas e que serán retransmitidas vía www.Twitch.tv/comandogol o martes 6, mércores 7 e xoves 8 de outubro, respectivamente.

O Campus Universitario acollerá ademais o xoves 8 unha interesante mesa redonda aberta ó público -previa inscrición- sobre as oportunidades na industria dos videoxogos, onde participarán Kiko Bejar (Benditos videojuegos), Roberto Yeste (Playstation) e Sonia Herranz (Hobby Consolas). A musicóloga ourensana Erea Carbajales aportará tamén unha análise da evolución da música nos videoxogos, nun relatorio programado para o xoves 9 no Colexio Guillelme Brown, e dirixido ós alumnos dese centro educativo.

Todas estas actividades presenciais e en liña situarán de novo a Ourense como punto de encontro da vangarda creativa audiovisual e cultural coa organización da Ourense ICC Week 2020, a Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense. Nesta edición, debido ás especiais circunstancias todos os aforamentos están especialmente limitados e con inscrición previa en Woutik (https://www.woutick.es/evento/1219/entradas-icc-week-2020) e as charlas e mesas redondas serán retransmitidas en directo na canle de Youtube da ICC Week (https://www.youtube.com/channel/UCNAY-Rdx3wrqCCkZLYv83-w).

Nas actividades abertas ó público se solicita que os asistentes cheguen con tempo suficiente de marxe para poder ser acomodados, mantendo as distancias de seguridade e seguindo as indicacións da organización para as entradas, ubicacións e saídas do recinto. A máscara será obrigatoria en todo momento e haberá a disposición do público xel hidroalcólico. Coa celebración desta especial edición da Semana das Industrias culturais a Deputación quere manter viva a súa aposta pola cultura e a creación artística e os seus protagonistas do xeito máis seguro.

Santiago Auserón

Santiago Auserón (Zaragoza, 1954) Licenciado en Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid e estudou tamén en París. Participou na fundación do grupo musical Radio Futura, onde durante máis dunha década desenvolveu a súa faceta de cantante e compositor, con media ducia de discos e o recoñecemento en España e Latinoamérica como mellor grupo de rock español. Entre 1984 e 1995 investigou as raíces do son tradicional cubano e produciu varias antoloxías históricas, entre elas a de Francisco Repilado "Compay Segundo". En 1994 puxo en marcha o proxecto Juan Perro, onde combina as tradicións musicais afroamericana, afrocaribeña e hispana, xirando dente entón ata hoxe por España, Europa, Latinoamérica e EEUU. Con Juan Perro, gravou outros seis álbums de cancións orixinais. Tamén ten publicados numerosos artigos sobre música, filosofía e literatura e varios libros. Entre outros recoñecementos, recibiu en 2011 o Premio Nacional de Músicas Actuais do Ministerio de Cultura.

Auserón trae a Ourense o seu Tour 2020, 'Cantos de Ultramar', avance do disco do mesmo nome que será publicado esta primavera, onde segue mesturando a súa herdanza rockeira coa tradición musical cubana.

CONCERTO SANTIAGO AUSERÓN

CANDO: Sábado 10 outubro

ONDE: Auditorio de Ourense

Anni B. Sweet

Anni B. Sweet chegará a Ribadavia para presentar o seu cuarto disco, e o primeiro en castelán da súa carreira, 'Universo por estrenar', editado en maio de 2019. Este álbum supón un cambio total respecto aos seus traballos anteriores, xa que ademais do cambio de idioma, lánzase ao pop perfeccionista con arranxos de electrónica retrofuturista.

Compositora e músico malagueña, Anni B Sweet debutou en Subterfuge no 2009 con "Start, Restart, Undo", un disco de folk melancólico e delicado, cando aínda non cumprira os 18 anos, e rapidamente despuntou ata a primeira liña da música española dando despois o salto internacional, cun disco que foi publicado en 11 países mais e estivo xirando por América, Europa e Asia.

CONCERTO ANNI B SWEET

+ YAWNERS + DJ ISAAC PEDROUZO

CANDO: Sábado 10 outubro, 12,00 horas

ONDE: Ribadavia, Castelo dos Sarmientos

ENTRADAS: de balde.

Inscrición previa en: https://www.woutick.es/evento/1219/entradas-icc-week-2020

Streaming na canle de Youtube

Oscar Mariné

Deseñador, ilustrador, tipógrafo e artista, Óscar Mariné é un comunicador sen límites. Na súa traxectoria, leva realizadas decenas de traballos de deseño industrial, imaxe corporativa, cine ou industria musical, en España e tamén internacionalmente. Os seus proxectos para marcas como Camper, Swatch, Loewe, Vega Sicilia... xa son referentes do deseño "made in Spain". Pero tamén destacan logros como a campaña de artista orixinal de Absolut Vodka, "Absolut Marine", o desenvolvemento de marca para o estudio de arquitectura de Sir Norman Foster, Foster & Partners, onde a súa proposta se mesturou coa estética do swing dos anos sesenta londineses. En 2010 Mariné foi galardoado co Premio Nacional de Deseño.

CHARLA ÓSCAR MARINÉ / O DESEÑO COMO VALOR ENGADIDO

CANDO: Mércores 7 de outubro, 20.30 horas

ONDE: Parador de Santo Estevo, Nogueira de Ramuín (Ourense)

ENTRADAS: de balde con inscrición previa en Woutik /streaming Youtube

https://www.woutick.es/evento/1219/entradas-icc-week-2020?place=632&date=07-10-2020&time=20:30&showId=3875

CHARLA ÓSCAR MARINÉ / O MUNDO VISTO POR UN REFERENTE DO DESEÑO

CANDO: Xoves 8 de outubro, 12,30h

ONDE: EASO A. FAILDE

ENTRADAS: evento dirixido a alumnos do centro/ streaming Youtube

Alejo Stivel

Alejo Stivel é membro fundador do emblemático grupo de rock español Tequila. Con esta formación a fins da década dos 70 iniciouse na escena musical ata converterse na banda de rock número 1 nos primeiros anos 80. Un dos mellores produtores de discos no panorama hispanoamericano, chegando a producir máis de 200 discos, coas discográficas máis grandes da industria, como Universal, Warner, Sony e Emi, entre outras. Entre os artistas que produciu, destacan algúns dos máis importantes do pop e o rock nacional, como Joaquín Sabina, La Oreja de Van Gogh, El Canto del Loco, M-Clan, La Quinta Estación, Jarabe de Palo e Claudio Gabis (de Maná). Entre todos eles, suma máis de 6.000.000 de copias de discos vendidos. Neste último período da súa carreira, Alejo Stivel voltou ó escenario como cantante solista.

CHARLA ALEJO STIVEL/ A FIGURA DO PRODUTOR MUSICAL

CANDO: Venres 9 de outubro, 12.00 horas

ONDE: CIFP A Farixa, Ourense

ENTRADAS: evento limitado aos alumnos do centro/ streaming canle Youtube

Ernesto Castro

Ernesto Castro, nacido en Madrid, 1990 é douctor en Filosofía pola Universidade Complutense de Madrid e autor dos libros de ensaio 'Contra la postmodernidad' (Barcelona, 2011), 'Un palo al agua: ensayos de estética' (Murcia, 2016), 'El trap: filosofía millennial para la crisis en España' (Madrid, 2019), 'Realismo poscontinental: ontología y epistemología para el siglo XXI' (Segovia, 2020) e 'Ética, estética y política' (en prensa). Os seus poemas foron incluidos na Antoloxía 'Tenían veinte años y estaban locos' (Córdoba, 2011). Ernesto Castro tamén ten un blog no que publica periódicamente os seus artigos e ensaios, e unha canle de YouTube onde comparte os vídeos das súas clases, charlas e entrevistas.

Nesta edición da ICC Week, este escritor e filósofo achégase a Ourense para aportar a súa particular análise da fama e a súa democratización, nos tempos das redes sociais.

CHARLA ERNESTO CASTRO /A DEMOCRATIZACIÓN DA FAMA NA ERA DAS REDES SOCIAIS

CANDO: Sábado 10 de outubro, 11.00 horas

ONDE: Igrexa Magdalena, Ribadavia (Ourense)

ENTRADAS: aberto ao público con inscrción previa en Woutik/ streaming canle Youtube

https://www.woutick.es/evento/1219/entradas-icc-week-2020

Erea Carbajales

Naceu en Ourense, 1991. Licenciada en Etnomusicoloxía e Musicoloxía Histórica polo Conservatorio Superior de Música de Vigo onde tamén estudia violín. Empezou a súa formación con 7 anos na Escola de Música de Sobrado do Bispo, máis tarde trasládase ao Conservatorio de Música Ourense e rematou a súa formación en Vigo. Para completar a súa formación no ámbito da musicoloxía, asistiu a diversos simposios e cursos con ilustres musicólogos do ámbito nacional coma Xosé López Calo, ou Rubén López Cano. Como violinista colabora con diferentes orquestras e, desde 2015 é membro da Orquestra Vigo 430 e do grupo de neo-folk Ad Heyra Liti.

O sector dos videoxogos sitúase actualmente na cúspide da industria audiovisual superando outros formatos como o cine e a música. Nos últimos anos experimentou un gran crecemento debido ó desenvolvemento da tecnoloxía. O impacto que supuxo a aparición do mundo dos videoxogos significou unha revolución con amplas implicacións sociais, culturais e psicolóxicas, que constitúen o obxecto de estudo de toda unha nova xeración de investigadores sociais. Estes abordan o fenómeno dende unha perspectiva interdisciplinar, pero o aspecto musical constitúe un terreo apenas estudiado. Nesta conferencia, a musicóloga ourensana abordará o estudo dos videoxogos focalizando a súa análise nun dos seus piares fundamentais, a música.

CHARLA EREA CARBAJALES/ A EVOLUCIÓN DA MÚSICA NOS VIDEOXOGOS

CANDO: Xoves 8 de outubro, 10.00 horas

ONDE: Colexio Plurilingüe Guillelme Brown, Pereiro de Aguiar, (Ourense)

ENTRADAS: evento dirixido aos alumnos do centro

Kiko Béjar

Kiko Béjar é actualmente o CEO & Executive Production Manager en Benditos Videojuegos, unha produtora audiovisual especializada no sector dos videoxogos, tamén é profesor de ESIC Business & Marketing School, e consultor especializado en Business, Media, Gaming y eSports, locutor e Voice Over. Béjar acumula case 30 anos de experiencia profesional nos principais sectores de lecer, nas áreas de comunicación, xestión, organización de eventos e emprendemento. Béjar traballou máis de 20 anos en Los 40 Principales. En 2006 proclamouse Campeón de España da FIFA INTERACTIVE WORLD CUP, representando a España na final mundial. Pioneiro no desenvolvemento de novos negocios de éxito no sector gaming e eSports, defínese como emprendedor e empresario, e compatibiliza a súa actividade profesional coa presentación de espacios de lecer de videoxogos en radio e televisión.

Sonia Herránz

Sonia Herránz é na actualidade a directora das revistas Hobby Consolas e Retrogamer. Leva dedicada á prensa de videoxogos dende 1992, vinculada a Axel Springer España (antiga Hobby Press). Tamén foi a responsable do lanzamento e dirección da revista Playmanía, que se convirteu na revista de videoxogos máis lida de España, superando en ventas incluso á revista oficial PlayStation. Tamén traballou para a revista oficial Nintendo, Todo Sega, Playmanía Guías & Trucos e Hi-tech, así como na web hobbyconsolas.com

Roberto Yeste

Roberto Yeste López é na actualidade o Director de PlayStation Iberia e Director del Máster Oficial PlayStation® Talents (Universidade Complutense de Madrid), ademais de Profesor Máster de creación e deseño de Videoxogos (Universidade Europea) e está licenciado en Marketing e Xestión Comercial por ESIC. Yeste comezou a súa andaina profesional en Telefónica, e máis tarde traballou en Media Planing Group, axencia de medios líder mundial. En 2006 chegou a Sony Computer Entertainment España (Sony PlayStation) onde foi o responsable do lanzamento e control do software da compañía, asumindo destacadas tarefas na área de Marketing. Entre as súas xestas, destaca o lanzamento de PlayStation Talents, un programa único no mundo que abarca toda a área de desenvolvemento local de produtos e proxectos, dende o que se lanzaron ata hoxe máis de 100 videoxogos.

CHARLA 'AS OPORTUNIDADES NA INDUSTRIA DOS VIDEOXOGOS'

CANDO: Xoves 8 de outubro, 17.00 horas

ONDE: Campus Universitario de Ourense

ENTRADAS: aberto ao público con inscrición previa en Woutik/ streaming canle Youtube

https://www.woutick.es/evento/1219/entradas-icc-week-2020

ESPECTÁCULO #COMICAMENTE by ICCWeek

O humor de tres grandes cómicos e actores galegos chega á Rúa, da man da Semana das Industrias Culturais e Creativas, co espectáculo #COMICAMENTE, que se suma á programación da ICC Week, levando tamén as súas actividades culturais e de lecer a localidades da provincia.

Sergio Pazos, David Amor e Ledicia Sola son os protagonistas desta cita co humor. Os tres reúnense neste espectáculo creado por Etiqueta Negra Producciones para a ICC Week e xuntos trasladarannos aos tempos do apoxeo dos monólogos, ao máis puro estilo da stand up comedy.

De que rin no show? A pregunta é de que non. As risas que provoca #COMICAMENTE poden ser tímidas ou ególatras, culpables ou gozosas, marmuradas ou a gargalladas... pero sempre son de verdade. Para os eternos fans da stand-up comedy, este espectáculo é unha cita imprescindible, xa que condensa o mellor dos seus tres protagonistas.

ESPECTÁCULO #COMICAMENTE

CANDO: Venres 9 de outubro, 21.00 horas

ONDE: C.C. Avenida A Rúa (Ourense)

ENTRADAS: Ataquilla e na billeteira do centro cultural

https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/monologos/centro-cultural-avenida/11325--comicamente-by-ourenseiccweek.html

Sergio Pazos

Sergio Pazos é un actor, humorista e reporteiro nacido en Ourense en 1965. Comezou no mundo do teatro nos anos 80 da man das compañías Caritel e CDG. Participou en varias series televisivas ata converterse nun dos reporteiros do 'Caiga quien caiga'.

En teatro, recentemente puidemos velo en 'La muerte de Sherlock Holme', de David Ottone (2018); nos seus propios monólogos teatralizados, como 'Afiando con humor' (2017-actualidade), ou 'Se galego, my friend & Reviento si no te lo cuento' (2011-actualidade); en 'La Asamblea de Mujeres' dirixida por Juan Echanove (2015-2017); e 'Los Diablillos Rojos', dirixida por Francisco Vidal (2015-2016). En cine, destacan os seus papeis en 'Hot milk' ( Dir. Ricardo Bofill, 2003), 'El lápiz del carpintero' (Dir. Antón Reixa 2003), 'Lisístrata' (Dir. Francesc Bellmunt 2002) y 'Muertos de risa' (Dir. Alex de la Iglesia 1999). En canto a ficción televisiva, o seu personaxe máis memorable é o de Pepe en 'Cuéntame cómo pasó' (TVE, 2009-2015).

David Amor

A historia de David Amor comeza en 2001 no programa da TVG "O Rei da comedia'' e mais tarde participa noutros proxectos da canle. Pouco despois é seleccionado no 'Club do Chiste', en Antena 3, ata chegar a Globomedia e tempo despois 'El Club de la Comedia'. Nos últimos anos encamiñou a súa carreira cara á ficción en televisión participando nas series 'Gym Tony' en Cuatro e 'Aquí Paz y después gloria'. En 2017 participa en 'Tu Cara Me Suena' e posteriormente colabora en 'Zapeando' de La Sexta.

Sobe a escea por primeira vez en 2010 con 'Fóra de sitio', seguido de 'Pasa a tomar un café', 'Amigos ata a morte' -que bate todos os récords en venda de entradas no teatro en galego- e combina os shows coa súa presenza periódica nas 'Noches del Club de la Comedia'.

Ledicia Sola

Ledicia Sola é neste momento un dos rostros máis coñecidos na televisión polo seu papel de "Elisa" na serie de Telecinco "Vivir sin permiso" xunto a José Coronado e Álex González. A serie, que bateu récord de audiencia durante a súa primeira tempada, continúa cultivando un enorme éxito de público e está dispoñible na plataforma Netflix.

Licenciada en Interpretación pola Real Escola Superior de Arte Dramático de Madrid, completou a súa formación actoral da man de prestixiosos nomes do mundo do espectáculo deste país, así como de Londres, Nova York ou Los Ángeles.

Gañadora do Premio 'Mestre Mateo como mellor actriz de reparto' pola película "Os fenómenos" de Alfonso Zarauza, acumula numerosos títulos cun gran éxito na súa carreira como actriz de cine, televisión e teatro. Coñecida polo gran público grazas a películas como "El patio de mi cárcel" de Belén Macías, "Contou Rosalia" de Zaza Ceballos , "Hotel Tivoli" de Antón Reixa, "Anos Despois" de Laura Gardós Velo ou series de TV como "Gran Reserva", "Amar es para siempre" e "Seis Hermanas", cabe destacar que tamén é unha protagonista habitual en series para Televisión de Galicia como "Pazo de familia", "Os Atlánticos" "Rías Baixas" e "O Nordés". Recentemente puidemos vela na exitosa serie "Serramoura".