Presentación da 23ª Feira do Campo e Artesanía da Milagrosa


O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Federación de veciños, Jesús Vázquez, presentaron este martes a 23º edición da tradicional Feira do Campo e Artesanía de San Isidro da Milagrosa, que se celebrará esta fin de semana –entre o venres e o domingo- na praza da Milagrosa. 

Rivera Capón salientou que "a Deputación vén colaborando tradicionalmente con este encontro. Unha colaboración que facemos dende o convencemento de que hai que apoiar a economía local poñendo en valor o sector primario, facilitando canles de comercialización e de visibilidade aos artesáns e aos produtores de proximidade. A Covid acentuou a importancia da produción de proximidade. Apostar polo sector primario da nosa provincia é apostar por aproveitar os nosos recursos propios para crear emprego e crear riqueza, é apostar por fixar poboación, pero tamén é apostar pola sostibilidade ambiental e pola ecoloxía".

“A Feira de Produtos do Campo e da Artesanía San Isidro, debido á situación sanitaria actual tivo que reducir o número de postos, xa que a pandemia cambiou o noso día a día, pero, aínda que en menor escala, quere manter o seu espírito dinamizador da economía local artesá e dos produtos rurais nun don barrios máis senlleiros de Lugo”, asegurou a alcaldesa, que agradeceu a súa implicación ao colectivo veciñal organizador e a todo o movemento asociativo do municipio. Tamén animou a cidadanía a asistir, “pero facendo un exercicio de responsabilidade para que se respecten os protocolos sanitarios en todo momento”.

Lara Méndez tamén subliñou que este ano a feira arranque dunha maneira “especial”, co pregón de Miguel Fernández, concelleiro de Medio Rural. O programa inclúe unha actuación musical, degustacións de embutidos e queixos, así como a entrega dos premios José Carballido, que será o domingo de peche da feira.