Ons competirá na sección Special Screen do Festival de Cine Europeo de Sevilla



Ons, a quinta longametraxe do cineasta compostelán Alfonso Zarauza, terá a súa premiere mundial no Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF), que se celebra do 6 ao 14 de novembro. Será en Special Screen, unha nova sección competitiva que abre este ano o festival con 14 títulos que suman á súa calidade cinematográfica a vontade de chegar a un amplo número de espectadores. 

Protagonizada por Melania Cruz e Antonio Durán ‘Morris’, Ons é un drama con toques de misterio no que un matrimonio en crise, que trata de salvar a súa relación vivindo unha temporada na illa de Ons, cruza o seu destino co dunha muller amnésica que aparece naufragada na praia. Completan o reparto Xúlio Abonjo, Marta Lado, Anaël Snoek, Miguel de Lira, Diego Anido, Montse Martínez e Cris Iglesias. 

Trátase da quinta longametraxe de Alfonso Zarauza, un dos cineastas galegos máis sólidos e experimentados, tras A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013), Os fenómenos (2014) e A viaxe dos Chévere (2014). O director compostelán presenta con Ons un filme de madurez, intimista e cunha profunda mirada autoral, no que destaca tanto o que non se conta como o que se conta, ademais da paisaxe agreste de Ons como escenario da intemperie emocional dos seus protagonistas. 

O filme foi rodado por enteiro na illa de Ons no outono de 2019 e conta cun equipo artístico e técnico 100% galego liderado por Alfonso Zarauza -que ademais asina o guion canda Jaione Camborda- con talentos coma o de Alberte Branco na dirección de fotografía, Elia Robles na dirección de arte, Sérgio Silva e David Machado na dirección de son ou Xavi Font na produción executiva. A banda sonora contén temas dos grupos Chicharrón e Leilía.

Ons está coproducida por Maruxiña Film Company (Galicia) e Bando à Parte (Portugal) e conta coa participación da Televisión de Galicia (TVG) e da Rádio e Televisão de Portugal (RTP), con subvención de Agadic e coa colaboración da Deputación de Pontevedra. 
‘Special Screen’, nova sección competitiva do SEFF

A sección Special Screen, na que compite Ons, é unha das grandes novidades da 17ª edición do Festival de Sevilla. Nela participan catorce títulos que destacan pola súa vontade de chegar ao gran público e por combinaren narrativas íntimas e precisas con historias humanas e personaxes que deixan pegada. Nesta edición preséntanse catorce longametraxes de países como Reino Unido, Bélxica, Francia, Irlanda ou Dinamarca, e será a votación do público a que decida este novo premio, dotado con 10.000 euros. 

Coa súa premiere no SEFF a longametraxe Ons arranca o seu percorrido en festivais e o camiño cara á estrea en salas comerciais, prevista para comezos de 2021.