Medio Rural promove polígonos agrarios para mazá de sidra en Tabeirós-Terra de Montes e Cerdedo-Cotobade


A Xunta ultima a creación dun polígono agrario para impulsar a produción de mazá de sidra na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Así o afirmou o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a visita que realizou a unha plantación para coñecer a recollida da mañá de sidra e, posteriormente, se reuniu coa Asociación de Sidreiros da Estrada. 

O titular de Medio Rural estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo alcalde da Estrada, José López Campos, así como polo rexedor de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, no caso da xuntanza.

Segundo González, na Estrada recóllense arredor dun millón e medio de quilos de mazá de sidra cada ano en ata 100 hectáreas de superficie e estase a traballar na mobilización de “máis terra para que se poida aproveitar para a plantación de maceiras”.

O conselleiro apuntou que “toda a comarca -o concello da Estrada pero tamén outros concellos limítrofes- reúnen unhas condicións agronómicas idóneas” para estas froiteiras e que “interesa moito mobilizar terra para facer un produto que xa ten a súa venda asegurada”. 

Deste xeito, sinalou que “temos xa localizado un primeiro polígono para maceiras para sidra dunhas 100 hectáreas en Cerdedo-Cotobade”, mentres na Estrada se están a buscar outras localizacións. Engadiu que “sempre que os produtores pidan ese terreo, imos buscar cos nosos técnicos as mellores condicións agronómicas para seguir facendo esta mazá de primeira calidade”.

 O titular de Medio Rural enmarcou a iniciativa na estratexia de mobilización de terras que está a levar a cabo a Consellería do Medio Rural, recuperando parcelas en estado de abandono ou infrautilización para incrementar a capacidade produtiva e a competitividade das explotacións galegas. Dese xeito, lembrou que se está traballando en “polígonos para viñedo nas cinco denominacións de orixe, polígonos abertos para pasteiros en Cualedro e o Plan de pastos en extensivo de Galicia”. Así mesmo, referiuse a un “polígono de plantación de cereal para a IXP Pan galego e outro polígono que ten que ver coa horta, xunto cun polígono gandeiro en Curtis”, o que sumaría en total unhas 4.000 hectáreas na comunidade.

O conselleiro puxo de relevo que a estratexia de mobilización adquirirá unha nova dimensión coa futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que “permitirá desenvolver os polígonos de xeito inmediato, no 2021”.  Nesa liña, José González salientou que se seguirán impulsando esas figuras porque “o importante é que a terra, unha vez se mobiliza, xere valor engadido, que sexa o que provoque o efecto de que a xente queira quedar no territorio”, concluíu.