Intervención arqueolóxica no galeón San Giacomo dei Galizia


A Xunta de Galicia investirá 23.000 euros nunha nova campaña da intervención integral que se vén efectuando no galeón San Giacomo dei Galizia, en Ribadeo, desde o ano 2018. Nesta ocasión está previsto levar a cabo, durante tres semanas, unha intervención arqueolóxica no costado de babor co obxectivo de obter unha visión transversal e avanzar no coñecemento da arquitectura naval da Coroa Española e dos grandes buques militares dese momento. 

O pecio do San Giacomo é un dos grandes xacementos localizados até o momento da súa época e, estes últimos anos, está a aportar unha importante información arqueolóxica sobre a construción naval da Coroa do século XVI. Neste sentido, cómpre lembrar que foron moi poucas as ocasións nas que se puideron estudar embarcacións españolas da época, e nunca no estado de conservación e da categoría do buque que nos ocupa. 

Comprender este proceso é de capital transcendencia no estudo da historia naval mundial, pois será a partir dos avances na arquitectura naval hispano-portuguesa do século XVI cando se produza a expansión marítima europea, que ao cabo permitiu a este continente exercer un dominio neste eido durante séculos.

O equipo técnico que participa nesta campaña confórmano profesores universitarios e investigadores de prestixiosas institucións científicas internacionais como o CSIC, a Universidad de Valencia, a University of Texas, a University of Wales Trinity Saint David e a Newport Ship que contan cunha dilatada experiencia na xestión e dirección de proxectos de arqueoloxía subacuática ao longo de todo o continente europeo e americano. Cóntase, asemade, coa achega da Armada Española, que en todo momento se amosou disposta a colaborar nesta actividade científica.