iníciase o proceso de certificación do Pazo de Mariñán como destino Observer®


O Pazo de Mariñán e os seus xardíns de camelias e árbores senlleiras optan a converterse en destino Observer® de Turismo Científico promovendo unha maneira de coñecer o seu patrimonio natural e cultural a través das distintas ramas da ciencia.

Desde a área de Patrimonio da Deputación da Coruña destacan que este recoñecemento situará o ben patrimonial nun lugar preferente como destino do turismo científico. Asentado ao bordo da Ría de Betanzos, o Pazo de Mariñán -propiedade da Deputación da Coruña e situado no concello de Bergondo- forma parte da Ruta botánica da Camelia de Galicia e é ademais, un lugar de grande interese para a práctica da ornitoloxía.

O pazo, que data do século XVIII, e que foi declarado Conxunto Histórico Artístico no 1972, conta ademais cunha pinacoteca visitable, de enorme valor, centrada en obras de arte dos séculos XIX e XX, moitas delas de artistas galegos. Segundo explica Observer®, por razóns históricas, culturais e naturais, o Pazo de Mariñán, unha das propiedades señoriais máis emblemáticas de Galicia, cumpre os requisitos básicos para iniciar o proceso e certificación como destino Observer.

"Para nós a certificación do Pazo de Mariñán supón poñer en valor a súa riqueza natural, paisaxística e patrimonial e promocionar outra maneira de coñecer este espazo singular, a través do coñecemento das distintas ramas da ciencia", sinala o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas. O obxectivo da certificación será poñer en valor, e recoñecer a singularidade dos valores históricos e botánicos do Pazo de Mariñán, da que destacan o seu inventario florístico, que supera o centenar de especies, con plantas de todos os continentes, achegando un notable número de rexistros aos catálogos arbóreos monumental e senlleiro de Galicia.

Para a súa acreditación, Observer® valora aspectos que teñan que ver co seu patrimonio natural, conservación da biodiversidade, proxectos de investigación, actividades de turismo científico, persoal cualificado ou a colaboración con provedores de Km 0, entre outros aspectos. Ademais, como novidade, o selo inclúe agora protocolos de bioseguridade contra a COVID -19, que acreditan aos seus destinos de turismo científico, como seguros.

O proxecto executado por Observer® para a Deputación de Coruña dou comezo no mes de setembro, terá unha duración de tres meses. "O noso obxectivo, en Observer, é promover outras maneiras de viaxar e de achegarse ao patrimonio natural e cultural. Coñecer as paisaxes que visitamos a través do coñecemento que nos achegan ramas da ciencia coma a botánica, xeoloxía, historia, astronomía, entre outras temáticas, aparte de ser una experiencia enriquecedora, promove de forma eficaz a conservación do patrimonio, ao crear unha maior conciencia sobre a súa fraxilidade. Nós poñémolo en valor e achegámolo ao público non especializado", sinalan desde Observer.