Galicia Calidade suma e segue


Grupo Leche Río (Lugo), Conservas del Noroeste (Vilaboa) e as adegas Gran Bazán (Vilanova de Arousa) e Finca Millara (Pantón) son as últimas incorporacións á marca de garantía Galicia Calidade.  

Con estas novas adhesións o selo de garantía suma os produtos e servizos de máis de 135 empresas galegas. Hai que lembrar que recentemente Galicia Calidade tamén incorporou as empresas Viña Costeira, Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, Freshcut e Pementos Carmucha.

Así, Galicia Calidade continúa na súa labor de certificación das empresas máis representativas do sector alimentario galego. No ámbito do sector son xa tres empresas punteiras as que contan co distintivo: Feiraco, Larsa e agora Leite Río, tanto para as marcas Leite Río como para Leyma.

No ámbito da conserva, coa chegada de Conservas del Noroeste, que conta como marca máis coñecida Cabo de Peñas, Galicia Calidade conta tamén coas empresas Jealsa e Luís Escurís Batalla, en peixe, e Conservas a Rosaleira no mundo vexetal.

No referente ao sector vitivinícola son xa 18 as adegas que contan cos seus viños amparados polo selo de calidade, onde están presentes as cinco denominacións de orixe. Na D.O. Rías Baixas coa chegada de Gran Bazán, son xa 8 as adegas certificadas: Adega dos Eidos, Adega Valdés, Terra de Asorei, Altos de Torona, Paco& Lola, Señorío de Rubiós e Valtea. Na Ribeira Sacra, Finca Millara súmase a ReginaViarum e Vía Romana. Ademais, a D.O. Valdeorras conta con tres adegas: A Coroa, Ruchel e Terriña; Monterrei suma dúas adegas, Gargalo e Quinta do Buble; e o Ribeiro coa recente incorporación de Viña Costeira suma dúas adegas xunto a Bodegas Nairoa.

Galicia Calidade conta na actualidade con máis de 400 produtos certificados de máis de 135 empresas galegas, onde o sector alimentario e o sector turístico- hoteis, restaurantes, casas rurais e clubes náuticos- suman case o 90% do total.