Eno-Camiño: Uvas e estrelas nas rutas xacobeas


O viño, ese máis que milenario e gorentoso compañeiro, cos seus primeiros trasegos ocultos na brétema do devir histórico, foi quen de impulsar traballos e días, pasos e camiños, celebracións e misterios. Tamén na ruta máis antiga, concorrida e celebrada do vello continente, o Camiño de Santiago. Ese itinerario, preñado de misterios e paradoxos, mesmo agrandados por moi interesados ardides eclesiais, tivo no viño elemento valioso para mollar a palabra e aloumiñar o sentir.

Do viño fala o autor do Códice Calixtino (s.XII) e viño cultivaban os frades dos mosteiros para logo ofrecelo aos camiñantes como sinal da hospitalidade, acrisolada referencia identitaria dun Camiño proxectado sobre tres milenios e que avanza, paso a paso, cara os seus primeiros 1.200 anos baixo as estrelas.

Enogastronomía avant la lettre e sempre viño para aliviar os pasos e para achegarse aos insondables misterios que rodearon e rodean a peripecia hispana, e galaica, do Amigo do Señor. Os sacrificios e a fe imprescindible. Para intentar comprender, verbigracia, a transubstanciación transformadora das especies de pan e viño no rito católico.

E aquí estamos, nun tempo de pandemia e incerteza, de sombras e medos, de pasos restados e hospitaleiros temerosos nas vésperas dun novo Ano Xubilar, ou Santo, Compostelán (van 120), outro ano da gran perdonanza, que xorde ateigado de dúbidas para a saúde do corpo e do espírito.  A vida mesma. Vita-peregrinatio.

Para alivio peregrino continuará activa, grolo a grolo, a Fonte do Viño en Irache (Navarra), mentras os enocultores actuais demandan sentidiño: “A beber sin abusar/ te invitamos con agrado/ para poderlo llevar/ el vino ha de ser comprado”. Case unha pregaria laica. E outros grolos dos bos viños que asoman aos Camiños  de Santiago.

No Ano Xubilar 2021 haberá menos pasos nos Camiños que levan á Casa de Santiago de Galicia, pero non ha faltar o ánimo.

Espero que tampouco o sentidiño en tempo de temores e incertezas pandémicas.

Nin o viño, a Deus grazas.

Xosé M. Palmeiro_Presidente Asoc. Periodistas e Estudiosos do Camiño de Santiago