Baltar reivindica o termalismo como a clave na saída da crise económica e social



"O termalismo é un dos recursos clave no proceso de reconstrución europea, en particular na saída da crise económica e social desta pandemia, polo que as cidades termais de Europa están chamadas a ter un papel moi activo". O presidente da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA) e presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, lanzou esta mensaxe na reunión que por videoconferencia mantiveron os membros desta entidade, con motivo da celebración do Día Europeo do Patrimonio Termal.

Nesta xornada, Manuel Baltar reivindicou a importancia da Asociación, "que nos seus once anos de existencia demostrou ser un vehículo imprescindible para transmitir a importancia dun dos recursos naturais máis importantes da UE, así como do patrimonio histórico das cidades e territorios que representamos, cunha visión compartida, traballo en rede e superando fronteiras internacionais". Un recurso, o do termalismo, "copiado a nivel global con numerosos exemplos no norte e no sur do continente americano ou africano".

Neste contexto internacional, anunciou que a EHTTA está a traballar para dar o salto a norteamérica, en concreto a Saratoga Springs, cidade do estado de Nova York coñecida polos seus mananciais minerais de augas frías. O obxectivo, dixo Manuel Baltar, "é visibilizar o traballo da Asociación organizando un encontro nesta localidade para trazar novas alianzas que beneficien ao sector e aos cidadáns".

O Día Europeo do Patrimonio Termal, engadiu Manuel Baltar, "permitirá defender con máis forza a riqueza das cidades e rexións de Europa que promoven o termalismo como saúde, vida e futuro, deseñando accións relacionadas co desenvolvemento dun novo modelo sostible de turismo europeo vencellado á natureza, os remedios naturais, o benestar e as actividades culturais".

O presidente da EHTTA destacou que ninguén dubida da importancia do termalismo como factor estratéxico de desenvolvemento, "polo que debería ser un compromiso prioritario na acción dos nosos gobernos, de aí que a Asociación estea chamada a fortalecer e incrementar a cooperación público-privada, construír alianzas con outras organizacións, xerar novos proxectos e ampliar horizontes, para ser un elemento activo á hora de abordar novas e necesarias política ambientais, de saúde e culturais". "Toda unha aposta por reivindicar o termalismo -concluíu Manuel Baltar- coincidindo coa celebración da decimo oitava Semana Europea das Rexións e Cidades".

A orde do día desta reunión telemática incluíu diferentes relatorios sobre arquitectura termal en Europa, un deles cun paseo dixital pola cidade balnearia alemá de Baden-Baden.