Avanzar na profesionalización da apicultura con curso ‘Avaliación Análise Sensorial en Mel’


O Consello Regulador da IXP Mel de Galicia abriu o prazo de inscrición para o curso formativo gratuíto ‘Avaliación Análise Sensorial en Mel’. O obxectivo do mesmo será o de adestrar de forma práctica os sentidos da vista, o olfacto e o gusto, co fin de aprender a realizar a análise sensorial do Mel de Galicia.

Coa profesionalización da apicultura no punto de mira, estas xornadas formativas van destinadas principalmente a envasadores adicados á extracción, envasado, comercialización e venda de mel inscritos no Consello Regulador da IXP Mel de Galicia —ou en vías de inscrición—, así coma a técnicos apícolas ou implicados no proceso de análise sensorial.

Queda aberto o prazo de inscrición no curso práctico de ‘Avaliación Análise Sensorial en Mel’, organizado polo Consello Regulador da IXP Mel de Galicia e coordinado polo Departamento da Protección da Calidade Diferenciada da AGACAL.

O curso dispón de prazas limitadas, polo que é imprescindible anotarse a través do enderezo lectrónico info@mieldegalicia.org ou do teléfono 981 511 913. A duración do mesmo será de 16 horas repartidas en 4 días. Rematará cunha xornada que terá lugar o día 7 de novembro, na que expertos/as en análise sensorial de distintas denominacións de orixe exporán as experiencias dos seus paneis de cata.

Desde o Consello Regulador animan á participación, subliñando que o sector apícola constitúe unha posibilidade de negocio sostible e real, todo un motor do agro galego que favorece a vida no rural e do rural.