Asociación de Profesionais de Galicia de Vodas e Eventos ante a covid-19

 


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no encontro de confraternización que a Asociación de Profesionais de Galicia de Vodas e Eventos (Aprogabe) celebrou no Pazo da Toxeiriña, en Moraña. 

A entidade sen ánimo de lucro, constituída este ano para dar unha resposta conxunta deste colectivo fronte á covid-19, mantivo este encontro cos asociados e empresas do sector das vodas e eventos, un dos máis afectados pola parálise provocada polo coronavirus en plena tempada alta deste tipo de celebracións. 

Durante o encontro, a directora de Turismo de Galicia destacou o esforzo do colectivo para constituírse como asociación e dar resposta conxunta á nova situación. Nava Castro lembrou que a Xunta asinou un convenio con Aprogabe por case 70.000 euros que lle permitiu ao colectivo levar adiante accións de formación para os seus membros sobre o novo protocolo de celebración de eventos así como elaborar carteis e sinais específicos para fomentar o cumprimento das nova normas derivadas da pandemia. 

No marco deste convenio fíxose, ademais, un vídeo de promoción baixo o lema “Cásate en Galicia” e diferentes campañas en redes sociais para dar a coñecer o traballo destes profesionais. 

Ademais de transmitirlle o apoio da Xunta a este colectivo, Nava Castro aproveitou a súa participación no encontro para destacar a gran capacidade de adaptación e de responsabilidade que están a demostrar os profesionais e empresas organizadoras de vodas e eventos.