As rúas emblemáticas de Pontecesures vinculadas ao Camiño, xa son un espazo seguro


O Camiño de Santiago ao seu paso polo centro urbano de Pontecesures transformouse nun espazo seguro e da máxima calidade gracias ás obras financiadas pola Deputación de Pontevedra nas rúas do Castro e da Infesta, actuación enmarcada dentro do plan provincial DepoRemse. As obras, adxudicadas en 187.968,86 euros, foron visitadas hoxe polos deputados de Cooperación e Infraestruturas, Santos Héctor e Gregorio Agís, acompañados do alcalde, Juan Manuel Vidal, así como a concelleira de Cultura, o de Obras e o arquitecto municipal.

As dúas rúas, cun trazado total de case 1,5 Km, forman parte do trazado do Camiño ao paso pola vila do Ullán e presentan unha forte densidade de poboación. Ademais dos seus valores patrimoniais e urbanísticos, acollen importantes dotacións públicas, como no caso da rúa Infesta, onde se sitúa o Pavillón Municipal de Deportes e o colexio público de Pontecesures, onde están matriculados 360 escolares.

O alcalde, Juan Manuel Vidal, subliñou que é de agradecer o papel que está a xogar a Deputación, "por cumprir tan ben o labor de apoio ao s concellos pequenos, facendo posibles obras que doutro xeito serían inviables". Engadiu que actuouse sobre "dúas rúas emblemáticas, vinculadas ao Camiño e polas que discorren milleiros de peregrinos tódolos anos". "Estas obras dan visibilidade a Pontecesures porque o resultado é para estar orgullosos". Na súa opinión alcanzouse "un equilibrio entre o tráfico e os peóns" e recordou que gracias a esta actuación a comunidade escolar gozará dun entorno moito máis seguro.

A reforma das rúas do Castro e da Infesta deseña un ámbito de prioridade peonil absoluta cun pavimento continuo de formigón coloreado con bandas de granito. As camiños contan agora con sinalización axeitada, regulando adecuadamente tanto a circulación rodada como o aparcamento. Ademais, a actuación serviu para renovar completamente tódolos servizos de saneamento, abastecemento e pluviais e creou unha canalización de reserva para futuros servizos. A contorna tamén quedou dotada de bancos, árbores e xardineiras. Con esta actuación quedaron solucionados os problemas que existían nas dúas rúas, derivados da sección irregular, delimitada polas vivendas e a discontinuidade no deseño dos pavimentos.

O concello cesureño ten recibido un total de 3.089.933,87 euros en investimentos, subvencións e transferencias da Deputación dende 2015. Neste tempo fixéronse 23 obras coa Liña 1 do Plan Concellos e contratáronse 23 traballadoras/es para servizos municipais coa Liña 3. Pontecesures, ademais desta obra no marco do Plan DepoRemse, acadou tamén outra subvención en concorrencia competitiva no Plan de Reequilibrio para as obras de recuperación do espazo público na beira da ría, con 361.431 euros.