As icónicas Torres Hejduk serán un faro do Xacobeo 2021


A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de premiar un proxecto que, a modo de instalación artística efémera, converterá nun faro as icónicas Torres Hejduk da Cidade da Cultura. Nunha alegoría da travesía persoal que os peregrinos afrontan no seu camiño a Compostela, esta proposta creativa fai tamén unha chiscadela ao Camiño marítimo. 

Baixo o título En terra firme, o proxecto foi presentado polos creadores Ana Núñez Rodríguez e Sebastián Sandoval Quimbayo, e seleccionado como vencedor no VIII Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os participantes do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura (EAN) 2020. O certame enmárcase un ano máis na programación do Xacobeo 2021 –tendo como eixe a Ruta Xacobea e profundando na relación entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago– e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. A proposta artística inaugurarase en agosto de 2021, coincidindo cunha nova edición do EAN. 

En terra firme configúrase a partir da transcendencia da luz do faro e do seu significado para os navegantes, propoñendo un exercicio estético que descifra a influencia da travesía así como o seu destino final. Presenta dous escenarios que conflúen no faro, creando unha alegoría das adversidades da peregrinación desde a paisaxe marítima, e da conexión entre o destino da persoa camiñante e navegante. Aproveitando as propiedades arquitectónicas das torres Hejduk, os artistas construirán unha gran lente na torre de cristal, converténdoa nun sinal luminoso no medio dun “mar de vexetación e pedra”, que guíe os viaxeiros desde o cumio do Gaiás, e en punto de referencia á súa chegada a Santiago. A torre de pedra aprópiase da paisaxe que circunda este foco e proxecta no seu interior unha vídeo instalación acompañada dun son de frecuencias baixas, que mergullan o espectador nunha travesía marítima no medio da brétema, que alude a esta viaxe transpersoal. 

Conexión co camiño marítimo 
A proposta foi elixida como vencedora entre as dez recibidas ao concurso –tres delas colectivas–. O xurado valorou tanto a súa conexión conceptual co Camiño marítimo como a solidez do proxecto e das diferentes traxectorias artísticas dos seus autores, que aportan dous puntos de vista complementarios ao relato expositivo. Especializados respectivamente en fotografía e en arte sonora, Ana Núñez e Sebastián Sandoval teñen desenvolvido proxectos en Bélxica, Arxentina, Xapón, Canadá ou Portugal, abordando cuestións como o territorio ou a construción da identidade. O seu traballo propón un diálogo entre a percepción sonora e a visual, colocando o visitante e a súa viaxe persoal no centro da intervención.