As cifras de setembro do turismo pontevedrés


Os datos do Observatorio de Turismo da Deputación de Pontevedra situaron á ocupación hoteleira da provincia en setembro nunha porcentaxe do 30%, o que supón, tal e como informou Carmela Silva, entre dez e cinco puntos superiores ao estimado. “Certamente os datos – asegurou a presidenta da Deputación- foron inferiores ao ano pasado, algo obvio porque vivimos nunha pandemia, pero os resultados, volveron a ser os mellores de Galicia para este mes de setembro, e sitúan á provincia de Pontevedra entre os destinos máis atractivos do Estado”. 

A presidenta provincial explicou que a comarca do Salnés tivo unha ocupación en establecementos hoteleiros do 28,2%, cun 28% en localidades como O Grove e do 31,4% en Sanxenxo; no caso da comarca de Pontevedra a porcentaxe situouse no 32%, ascendendo ao 34% na cidade; a comarca do Morrazo tivo unha ocupación do 36%; a de Vigo chegou ao 37,3%, acadando o 40% na cidade de Vigo e o 32,4% en Baiona; a comarca de O Baixo Miño estivo no 32%; as comarcas do Condado e da Paradanta acadaron o 22% e as de Deza e Terra de Montes chegaron ao 24,4%. 

No que respecta ao turismo rural, a media provincial en setembro foi do 31%, neste caso, tal e como explicou a presidenta, un punto superior ao esperado. Nestes establecementos, O Salnés acadou unha ocupación do 34,5%, con porcentaxes do 48,3% en vilas como Sanxenxo; a comarca de Pontevedra chegou ao 23%; O Morrazo rexistrou un 48,3%; a comarca de Caldas chegou ao 43%; a comarca de Vigo un 20%; O Baixo Miño tivo unha ocupación do 30%; as comarcas do Condado e da Paradanta o 31,5% e as de Deza e Terra de Montes un 15%. 

Pola súa banda os cámpings tiveron unha ocupación media provincial do 30%. Neste eido a comarca do Salnés rexistrou unha porcentaxe do 30,3%, ascendendo ao 43% en vilas como Sanxenxo e chegando ao 24% en O Grove. A comarca do Morrazo superou o 56% e a de Vigo o 24%, con porcentaxes do 25% en vilas como Baiona e do 23,3% na cidade de Vigo. No que respecta á comarca do Baixo Miño a ocupación nos cámpings en setembro foi do 12% e no Condado e A Paradanta do 30%. 

Xa no que atinxe aos albergues, Carmela Silva informou que a media provincial en setembro foi do 9,2%, chegando ao 50% en concellos como Baiona e ao 25% en Pontevedra. 

Punto e aparte merece a ocupación das vivendas turísticas que conseguiron no mes de setembro unha ocupación similar ao mes de xullo cunha porcentaxe do 68%, chegando ao 80% durante a primeira semana do mes, ao 74% na primeira quincena e ao 63% na segunda. 

Finalmente, Carmela Silva tamén fixo balance das visitas aos Castelos de Sobroso e Soutomaior, onde se contabilizaron 3.058 persoas durante o mes de setembro. Neste eido a presidenta da Deputación recordou que no cómputo do mes non se inclúen ás persoas que asistiron a actos culturais. “Estamos a recoller os froitos da nosa aposta cultural e patrimonial en ambos os dous castelos”.