Afondan no coñecemento dos modos de vida dos neandertais en Triascastela


As últimas escavacións na Cova de Eirós, en Triascastela, levadas a cabo este verán co impulso da Xunta de Galicia e desenvolvidas por membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Santiago (USC) e do Institut de Paleocología Humana i Evolució Social de Tarragona permiten afondar aínda máis no coñecemento dos modos de vida dos neandertais das Serras Orientais e constatar as hipóteses realizadas en anos anteriores que demostraban que foi un lugar de campamento onde se desenvolvían diferentes actividades como a caza ou elaboración de utensilios. 

Como se desprende dos primeiros resultados, a gran densidade de materiais líticos e óseos atopados demostran que a Cova Eirós foi empregada por un grupo de neandertais durante un período prolongado no tempo. Os achádegos permiten constatar que durante a súa estadía os grupos non só procesaron á fauna que cazaron, principalmente cervos, senón que tamén realizaron outras actividades como a talla de ferramentas líticas en cuarzo e cuarcita. 

Ademais, e segundo se sabe polas súas marcas de uso, tamén traballaban peles dos animais para a elaboración de vestimentas. Os fogares tamén demostran o control do lume por parte destes grupos, un lume que non só permitía quentar ou cociñar alimentos, senón tamén traballar outros materiais como a madeira para a fabricación de utensilios ou lanzas. 

Achádegos nun período pouco documentado 

As escavacións están a afondar nun período pouco documentado en Galicia, o Paleolítico medio. Neste caso actuouse no nivel 4. O diferente tipo de ocupación con respecto ás documentadas noutros niveis da Cova Eirós ou xacementos ao aire libre (como os de Monforte de Lemos), permite coñecer as distintas estratexias de mobilidade e subsistencia e a capacidade de adaptación dos grupos de neandertais aos condicionantes do medio. 

En paralelo aos traballos de escavación, realizáronse tamén varios estudos que permiten acrecentar o coñecemento sobre o paleoambiente das Serras orientais. Por unha banda, as análises sedimentolóxicas desenvolvidas polo investigador da Universidade de Coimbra Pedro Cunha permitirán comprender as dinámicas paleoambientais dos últimos 50.000 anos nas serras relacionando as fluctuacións no poboamento da rexión coas dinámicas paleoambientais e glaciais que definen os momentos finais do Pleistoceno. 

Por outra banda, a colaboración con investigadores do Max Planck Institute de Alemaña permite tamén buscar restos de ADN antigo na secuencia de Cova Eirós para a identificación de mamíferos e mesmo, se as condicións o permitisen, material xenético humano.