A Xunta segue a impulsar Mercaproximidade


A Xunta segue a impulsar a rede Mercaproximidade como canle de comercialización para garantir o futuro do sector agroalimentario galego, no marco do Plan de reactivación e dinamización da Consellería do Medio Rural para facer fronte aos efectos da covid-19. Así o destacou o titular do departamento, José González, na súa visita ao almacén e ás instalacións de Mercaverde do grupo empresarial Gadisa, onde estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, e polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

No encontro, o conselleiro quixo “render homenaxe a Gadisa como unha das canles de distribución que colaborou con nós durante a pandemia na rede de Mercaproximidade”, a vía alternativa de comercialización impulsada polo Goberno galego para dar saída aos produtos agroalimentarios que non podían venderse nas feiras nin consumirse nos restaurantes e hoteis durante o estado de alarma. Ademais doutras nove empresas distribuidoras, José González puxo de relevo que “fomos capaces tamén de recoller a máis de 450 produtores do agro galego”.

En alusión ás instalacións de Mercaverde, o titular de Medio Rural quixo destacar que “Gadisa fai un esforzo por promover o funcionamento do noso sector primario, recollendo todos estes produtos frescos” e agrupando a pequenos produtores que así “son capaces de chegar ao consumidor final con menos intermediarios, unha forma de traballar que queremos impulsar”.

Pola súa banda, Gadisa resaltou que mantén un firme compromiso cos produtores de Galicia desde a súa fundación en 1986. A empresa 100% galega pon en valor a xeración de riqueza dun modo sostible a través da compra a máis de 1.000 provedores de proximidade, comercializando os seus produtos na súa extensa rede de puntos de venda, que supera os 400, tanto en Galicia como en Castela e León.

A compañía inviste máis de 360 millóns de euros anuais nestas compras reafirmando o seu apoio ao sector primario de Galicia, clave no desenvolvemento socioeconómico da comunidade, contribuíndo a fixar poboación no rural e beneficiando aos seus clientes na oferta de produtos.