A Xunta presenta oficialmente a IXP Pan Galego



A Xunta anima aos produtores de trigo, muiñeiros e panadeiros tradicionais a acollerse á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego. Así o trasladou o conselleiro do Medio Rural, José González, no acto de presentación desta IXP que tivo lugar no pazo de Quián, onde estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos.  

Impulsado en 2015 pola Federación Gallega de Asociaciones de Fabricantes de Pan (Fegapan), este selo de calidade contou dende os inicios co apoio da Xunta. O obxectivo é poñer de relevo un pan de codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte –como mínimo o 25%– debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos.

Ademais, a súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e dunha elevada cantidade de auga, así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios.

Así mesmo, a normativa desta IXP establece os diferentes formatos tradicionais que se admiten, como o bolo ou fogaza, a rosca, a bola ou torta e a barra, así como os rangos de pesos que poden ter as pezas. A maiores define as características da codia e da miga, así como o aroma e o sabor do produto. Outra das características desta IXP é a súa presentación en envases individuais que incluirán o seu logotipo.

Na súa intervención, o conselleiro puxo de relevo que dende “a Xunta traballamos para que o recoñecemento do noso pan sexa unha realidade dentro e fóra de Galicia”, co obxectivo de ”fomentar o cultivo de trigo e o consumo de pan”. Engadiu que o pan galego “non precisa de distintivos para distinguirse, pero que é máis que merecedor desta Indicación Xeográfica Protexida”.