A Xunta presenta o novo selo de calidade Artesanía Alimentaria


"Unha norma necesaria e útil, que beneficia ás artesás e artesáns, pero tamén aos consumidores”. Así definiu o conselleiro do Medio Rural, José González, o decreto da Xunta que regula a artesanía alimentaria en Galicia. A norma contempla a realidade que hai a día de hoxe respecto aos produtos artesáns, e define dous tipos: os produtos “caseiros ou da casa”, que serían os que proceden de explotacións agrogandeiras que transforman a súa materia prima en circuítos curtos de comercialización; e os produtos artesáns “de montaña”, para aqueles procedentes de empresas radicadas en zonas específicas cualificadas como tales pola Unión Europea.

Trátase, segundo Medio Rural, de impulsar os valores económicos, culturais e sociais que a artesanía representa para Galicia, e dentro deles o valor engadido que aporta a calidade, neste caso vinculada á marca Galicia Calidade. Esta aposta tamén pasa por preservar e estimular o establecemento de empresas artesanais alimentarias, aquelas que elaboran o mellor produto posible do xeito “máis enxebre, máis senlleiro e tradicional”, engadiu o conselleiro.

No acto de presentación deste texto ao sector e á sociedade galega en xeral, cando se veñen de cumprir algo máis de dous meses da súa entrada en vigor tamén participou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos; alí se falou dos requisitos e os pasos necesarios para obter o selo de Artesanía Alimentaria e amén de como promovelo entre os operadores galegos. 

Neste contexto celebrouse unha mesa redonda na que estiveron representados diversos operadores de referencia, para falar da preservación da tradición alimentaria. Así, participaron nela Carlos Brea, de Cervexa Toupiña, obradoiro de cervexa; Alberto Rodríguez, da Pastelería Estilo, obradoiro de confeitaría e Brígida Hermida, de Xearte Brigitte, obradoiro de xeados.

Medio Rural defende a oportunidade desta regulación, porque era preciso establecer o marco de referencia onde se atopen os principios que permitan chamar a algo “artesán”. Todo isto, a partir do respecto á gran tradición existente en Galicia en canto á elaboración de produtos alimentarios artesanais, tanto da terra como do mar, e sinalou que “temos que apostar pola nosa tradición alimentaria e pola súa protección fronte á estandarización derivada das formas modernas de produción”, salientou González.

.