A Rede de Cidades pola Bicicleta da a benvida á Deputación de Pontevedra


Nun acto telemático no que se anunciou que a Deputación de Pontevedrapasará a ser membro de pleno dereito da Xunta Directiva da Asociación e, por tanto, terá poder de decisión á hora de poñer en marcha iniciativas, campañas e publicacións.

O deputado de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos Uxío Benítez manifestou a súa satisfacción polo feito de que a de Pontevedra sexa a cuarta deputación do Estado que forma parte da entidade (despois da de Barcelona, Bizkaia e Guipúscoa), o que ao seu entender, demostra o interese do Goberno provincial por traballar para que a bicicleta sexa un modo de transporte prioritario –xunto coa mobilidade peonil- e que as cidades e vilas da provincia cheguen a ser 100% ciclables.

O secretario técnico da rede, Nacho Tomás, destacou que a RCxB é unha asociación composta por entidades locais que ten por obxecto xerar dinámicas para facilitar, facer máis segura e desenvolver a circulación dos ciclistas especialmente no medio urbano. Tomás sinalou que forman parte da rede outros 130 concellos e entidades supramunicipais entre as que están practicamente todas as capitais de provincia, incorporando no acto de benvida de hoxe os concellos de Granada, Ayamonte (Huelva), Antequera (Málaga) e Puerto Real (Cádiz).

Pola súa banda, Benítez explicou que o interese de formar parte da RCxB radica en que a Deputación vén traballando dende o 2015 nun cambio de modelo que prioriza a mobilidade natural das persoas e as bicis fronte aos vehículos a motor. Destacou que a día de hoxe está por diante o reto de xestionar a conectividade do territorio provincial tendo en conta a dificultade da grande dispersión poboacional. "Queremos introducir a bicicleta como aliada na mobilidade das cidades e as vilas, pero recoñecemos que temos moito que traballar", destacou, lembrando que está en marcha un estudo sobre a situación na provincia.

Benítez insistiu en que a día de hoxe, cando que a pandemia da COVID-19 está poñendo de manifesto a necesidade de recuperar o espazo público para as persoas, é o momento no que se debe expandir o modelo pontevedrés. Subliñou que está en marcha ‘Ágora', un proxecto que pretende multiplicar o espazo destinado ás persoas e que "o tempo está ao noso favor", asegurou.

Dende a RCxB aplaudiron a iniciativa de ‘Ágora' e comprometéronse a difundir o proxecto entre todas as entidades asociadas como un "exemplo de boas prácticas". De feito, subliñaron a importancia da formación viaria non só dende a visión do vehículo, senón tamén dende a óptica do peón e da necesidade de repensar como deben ser os desprazamentos. "De verdade non se pode camiñar 30 minutos para ir dun lado a outro, de verdade é preciso o coche?", cuestionou Tomás.

Beneficios e iniciativas

No acto de benvida á rede puxéronse sobre a mesa os beneficios aos que accederá a Deputación de Pontevedra (e de maneira extensiva os concellos da provincia que forman parte de Ágora) por pertencer á Rede de Cidades pola Bicicleta.

Un dos beneficios é o acceso ao chamado BiciRexistro, un sistema estatal de control de bicicletas que conta coa participación dos concellos que compoñen a rede, as súas policías locais, a DXT e os Xestores Administrativos, que permite asociar un número de rexistro a unha bicicleta e un bastidor por medio duns vinilos cun código QR. Isto supón na práctica unha especie de ‘matrícula' que permite a identificación e unha recuperación máis sinxela en caso de roubo, xa que segundo afirmaron dende a rede, "o 20% de persoas usuarias de bicicleta sofren nalgún momento o roubo da súa bicicleta e este sistema pode servir de elemento disuasorio".

Por outra banda, outro dos servizos que ofrece a RCxB é un técnico de apoio para asesorar ás administracións sobre carrís bicis, cesións de bicicletas públicas, como plantexar proxectos técnicos de convivencia entre a bicicleta e outras mobilidades, ou a redacción de pregos de ordenanzas tipo.

Nacho Tomás fixo referencia tamén á importancia de publicacións dispoñibles (como a guía de ‘Bikesharing' ou de ‘Cicloturismo'), á realización dun Barómetro da bicicleta que cada dous anos estuda os hábitos ciclistas e as demandas da cidadanía, dun Observatorio da bicicleta que estuda o que ofrecen os concellos ás persoas usuarias, a celebración de eventos internacionais, ou a colaboración coa European Cyclist Federation, entre outras colaboracións.