A provincia de Lugo nas localizacións da serie O Sabor das Margaridas


O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto coa Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, ven de asinar un convenio de colaboración co Director Xeral da Produtora CTV, Ramón Rodríguez Rego, co fin de colaborar con 120.000€ na segunda temporada da serie O Sabor das Margaridas. 

Tomé Roca subliña que esta colaboración da Deputación de Lugo servirá para impulsar a proxección internacional da provincia, pois O Sabor das Margaridas é a primeira serie galega incorporada á plataforma audiovisual Netflix e que “está tendo moi boa repercusión internacional”. 
Nesta segunda temporada, que se estreará nas vindeiras semanas en Netflix, a provincia de Lugo ten un papel protagonista ao aparecer como escenario paraxes lucenses como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai, no Corgo, ou a capital lucense. O Presidente da Deputación incide en que colaborar con O Sabor das Margaridas, da produtora galega CTV, supón unha gran oportunidade para a proxección internacional da riqueza paisaxística e cultural da provincia. “É un xeito moi efectivo de dar a coñecer a nosa terra, de incentivar o turismo”, asegura.


Tomé Roca pon o foco tamén en que “esta promoción a través do audiovisual que fai a Deputación contribuirá a recuperar con forza o impulso turístico da provincia nesta crise do coronavirus, tendo en conta que o noso turismo é un turismo sostible, de calidade e sen masificacións”. 





Ademais, o Presidente salienta o apoio da Deputación á industria audiovisual lucense e galega, materializado en colaboracións nos últimos dez anos cunha vintena de películas, series, documentais e curtas, porque “apoiar ao audiovisual é crear industria, emprego, fomentar a cultura, a nosa lingua e tamén impulsar o turismo”.


A nova temporada deste proxecto audiovisual, que durante a súa primeira temporada foi traducido a 30 idiomas, contén seis episodios de 70 minutos con escenas rodadas en varias localizacións da provincia de Lugo, como son o Miradoiro do Duque de Monforte ou o Pazo de Adai do Corgo, entre outras. Este thriller policial e de misterio, rodado en Galicia, pódese ver en 190 países e situouse no top 10 da popularidade oficial de Netflix ao converterse na sétima serie de fala non inglesa máis vista no Reino Unido e Irlanda desta plataforma xigante do streaming.


O reparto está formado por María Mera, Santi Prego, Noelia Castaño, Rebeca Stones, Sara Sanz e David Seijo. O Sabor das Margaridas recibiu o premio á Mellor Serie de Televisión nos XVII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual.