A D.O. Ribeira Sacra remata a vendima cun total de 5,2 millóns de quilos de uva


A D.O. Ribeira Sacra deu por concluida a vendima 2020 cun total de 5.244.049 quilos de uva recollidas. Nas variedades tintas reina a Mencía  cun total de 4.296.530 uilos, seguida da Garnacha con 134.607; Sousón, 112.462; Brancellao: 51.574; Merenzao: 50.072; Caíño: 28.42; Tempranillo: 25.024; Mouratón: 5.355 e Grao Negro: 1.425. No que se refifire a variedades brancas entraron nas adegas 412.948 quilos de Godello; 62.717 de Albariño; 44.125 de Treixadura; 8.875 de Dona Branca; 4.430 de Branco Lexítimo; 3.060 de Torrontés e 2.511 de Loureira. 

Despois de que o 2019 fora o ano da vendima máis abondosa na Ribeira Sacra, a D.O. supera a colleita do 2013 e do 2014 onde non se chegou aos 5 millóns de quilos. No 2015 recolléronse 6.227.365 quilos, no 2016 recolléronse 5.585.306 quilos; no 2017 foron 5.515.694 e no 2018 chegouse a 6.170.995. No 2019 fora a vendima histórica de 51 días recollendo uva para facerse con máis de 7.200.00 quilos.

A D.O. Ribeira Sacra deixa atrás unha vendima temperá, sen superar á do 2017 que comezaba o 19 de agosto, e unha campaña na que se tivo que enfrontar á pandemia, como sinala José Manuel Rodríguez, “A pandemia non tivo incidencia durante a vendima, pero si no coidado das viñas; en moitos casos trátase de economías complementarias de xente que non está aquí e que tivo problemas de desprazamentos para atender a viña. Polo demais a vendima comezou antes e terminou antes cunha uva en excelente estado sanitario e con moi bo grao porque nesta D.O. o tema da maduración non é un problema.”

Neste ano de pandemia toca seguir concentrados nun viño que o mercado nacional seguiu demandando, “Agora toca centrarase en coidar o viño, que o viño que se meteu nas cubas se manteña e traballar para o mercado e poder vendelo. Despois dun ano de ventas no que a D.O. Ribeira Sacra foi un caso afortunadamente atípico no mercado nacional e influiu menos que noutros lados o tema da Covid. A pesar das dificultades soubemos seguir estando aí cun produto de alto nivel,” asegura José Manuel Rodríguez.