A Costa da Morte refrenda a candidatura á Reserva Local de Surf


Catorce concellos da Costa da Morte levarán aos seus próximos pleno a declaración institucional para sumarse á Reserva Local de Surf. Foi a decisión que se tomou na xuntanza entre representantes dos concellos xunto co vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e a xefa de servizo de Turismo, Maite Loureiro, o vicepresidente da asociación de Turismo da Costa da Morte, CMAT, José Manuel López Varela e o embaixador da candidatura, David Blanco.

Os concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Laxe, e Vimianzo aprobarán nos seus plenos unha iniciativa para declarar a Costa da Morte, Reserva Local de Surf, un proxecto que será impulsado pola Deputación da Coruña e contará co apoio da CMAT. Ademais, na xuntanza, que se desenvolveu en Carballo con presenza dalgúns concellos de maneira telemática, aprobouse candidatarse de novo a Reserva Mundial de Surf, despois de que na anterior convocatoria a proposta de Costa da Morte chegase até a última fase que, finalmente, gañou Playa Hermosa da Costa da Morte.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, anunciou que a Costa da Morte volverá presentar candidatura o vindeiro ano a Reserva Mundial de Surf cunha aposta "máis forte, xa que pasamos a primeira proba e aprendemos dela. Agora temos que sumar máis apoios institucionais e sociais e defender o proxecto con todos os nosos recursos". Nese camiño sitúa o paso necesario da declaración da Costa da Morte como Reserva Local de Surf que se aprobará nos distintos concellos, ademais doutros elementos como o apoio decidido do sector social, desde o empresarial ao cultural ou deportivo.

"O apoio e a cohesión do proxecto é fundamental polo que convidamos outras administracións a participar e buscaremos que a comezos de 2021 a candidatura estea consolidada xa que temos un territorio espectacular, cada vez máis surfistas nas nosas praias e debemos buscar que a sostenibilidade sexa a nosa folla de ruta", apuntou Regueira, que destacou como unha das fortalezas o traballo conxunto e coordinado dos distintos axentes.

O vicepresidente da CMAT, José Manuel López Varela, apostou tamén por implicar as distintas administracións e valorou "os proxectos como este que abranguen todo o territorio porque son bos para a comarca no seu conxunto e, polo tanto, hai acordo para seguir intentándoo até conseguilo". Apuntou tamén a conveniencia de que a Deputación da Coruña "que foi quen levou desde o inicio este proxecto, que siga mantendo a proposta para o recoñecemento como Reserva Mundial de Surf".

Pola súa parte, o embaixador da candidatura, David Blanco, apuntou que "a potencialidade da zona é inmensa e as ondas de moita calidade, con zonas naturais moi conservadas que marabillan a quen as visita co cal existe unha grandísima oportunidade que vai achegar moito á xente deste territorio". Defendeu tamén a necesidade de considerar as ondas "como un patrimonio de valor incalculábel, que nos permiten gozar delas e tamén dan riqueza económica".