A calidade dos alimentos locais na primeira edición das Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico


Dez restaurantes da cidade da Coruña celebrarán entre o 9 e o 25 de outubro a primeira edición das Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico, que destacan por ofrecer propostas gastronómicas elaboradas con produtos da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O Restaurante Árbore da Veira do Monte de San Pedro acolleu as presentación nun acto ao que acudiron o concelleiro de Turismo do Concello da Coruña e presidente do Consorcio de Tursimo, Juan Ignacio Borrego, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, o presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso e a xerenta de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud. 

Entre eses días, os restaurantes Bido, Culuca, Greca, Millo Orzán, Pablo Gallego, Peculiar, Salitre, Taberna 5 Mares, Terreo e 55 Pasos, que comparten a paixón pola materia prima galega e de proximidade, terán nos seus menús distintos tipos de pratos realizados con produtos da Reserva de Biosfera.

As Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico ofrecerán unha magnífica oportunidade para gozar da calidade dos nosos alimentos locais e da excelencia das nosas cociñeiras e cociñeiros. Un compromiso coa nosa riqueza agroalimentaria e culinaria máis sostible e saudable, que pon en valor as empresas, profesionais e pequenos produtores que, día a día, contribúen á identidade gastronómica coruñesa.

O principal obxectivo das Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico é establecer sinerxías entre restauradores coruñeses, produtores da reserva e consumidores, promovendo unha alimentación saudable e sostible coa implicación dos establecementos de restauración coruñeses.

Estas Xornadas celébranse tras o acordo asinado na edición de Fitur 2020 entre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, o Concello da Coruña e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo en materia gastronómica e de ecoturismo.

Toda a información referente a estas Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico pode ser consultada na web territorioatlantico.es.