187 citas en sete países nas novas liñas extraordinarias do Agadic


A Xunta publica hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a adxudicación da convocatoria extraordinaria de subvencións para a realización de concertos e funcións de artes escénicas, tanto dentro como fóra de Galicia, posta en marcha ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural co obxectivo de reforzar a liña anual de axudas á distribución para as industrias culturais no contexto da crise sanitaria. 

Neste caso, os proxectos subvencionados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade suman 187 actuacións, elevando a máis de 400 as citas protagonizadas en 17 países por grupos musicais e compañías escénicas galegas co apoio do Goberno autonómico a través de ambas convocatorias. 

As súas dotacións, que suman 460.000 euros, destínanse a cofinanciar os gastos nos que incorren as empresas culturais con motivo do desenvolvemento de xiras e participación en festivais ou mostras fóra de Galicia. No caso da escena, apoiase así mesmo a distribución en escenarios galegos. 

Europa, América e África 
Ao igual que coas axudas á distribución, resoltas o pasado mes de xullo, coa adxudicación publicada hoxe dáse resposta á totalidade de solicitudes recibidas para iniciativas desenvolvidas desde primeiros de ano e ata finais deste mes de outubro en diferentes localidades galegas e españolas, así como en Alemaña, Arxentina, Costa de Marfil, Francia, Italia, Portugal e Suecia. 

No caso das modalidades para artes escénicas, atópase entre os proxectos subvencionados o percorrido da compañía de danza La Macana por España, Alemaña e Portugal. No país veciño actuaron tamén Pedras de Cartón, Elefante Elegante e Producións Teatrais Excéntricas, mentres que Colectivo Glovo recibe axuda para a súa participación no festival italiano Cortoindanza, así como para a súa xira española. 

En canto á música, destacan os concertos de Lydia Botana en Costa de Marfil, Italia Francia e diferentes puntos de España, así como os de Carlos Núñez en Bos Aires, ademais de en Asturias, Aragón e Cataluña, Mounqup en Suecia ou as respectivas xiras españolas de Samuel Diz, Luar na Lubre e De Vacas, entre outras iniciativas. 

Compleméntase así a convocatoria anual de axudas á distribución para as industrias culturais, que en 2020 modificou as súas bases para contribuír a axilizar o financiamento de actividades executadas con anterioridade ao estado de alarma, concretamente as que tiveron lugar entre o 1 de novembro de 2019 e o 12 de marzo de 2020. A través dela, apoiáronse 67 iniciativas de proxección interior e exterior das artes escénicas e da música de Galicia que sumaron 220 actuacións en España, Arxentina, Austria, China, Cuba, Ecuador, El Salvador, Francia, Mozambique, Paraguai, Portugal, Reino Unido, Suíza e Uruguai.