Volve o Centro Dramático Galego cos Mércores de varanda


O Centro Dramático Galego (CDG) retoma a actividade pública do Salón Teatro co programa musical Mércores de varanda, que ofrecerá oito concertos de artistas e grupos galegos para conmemorar o centenario da inauguración deste edificio da rúa Nova compostelá, onde a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia ten a súa sede desde 1999. O gaiteiro Anxo Lorenzo foi o encargado de abrir o día 9 este cartel, que se desenvolverá todos os mércores ata finais de outubro. 

Así, as seguintes citas do mes de setembro serán as protagonizadas por Hugo Franco e Claudia Abril (día 16), Emilio Rúa (día 23) e Xoán Curiel (día 30). Xa no mes de outubro, será a quenda de Susana Seivane (día 7), Sés (día 14), Dequenvessendo (día 21) e Sofía Espiñeira (28 de outubro). Todos os concertos terán lugar ás 20,30 h. e a entrada será gratuíta, previa retirada no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do inicio das actuacións e ata completar a capacidade, que nestes momentos está restrinxida a 60 persoas de acordo coas medidas de control sanitario vixentes na cidade. 

Seis dos devanditos intérpretes chegarán a Santiago a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, unha das novas iniciativas postas en marcha este ano pola Xunta a través do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19, mentres que Hugo Franco e Sofía Espiñeira forman parte deste cartel como artistas convidados do corworking de emprendemento musical organizado en Padrón pola Fundación Paideia e a Escola de Organización Industrial (EOI). 

Petisco musical desde o balcón 
Cos Mércores de varanda, que darán comezo cun pequeno petisco musical de cada un dos artistas desde o balcón do Salón Teatro para continuar a actuación no escenario, o Centro Dramático Galego fai un xesto cara a un dos elementos máis característicos do edifico histórico no que ten a súa sede. 

Reconstruído pola Liga da Mutua de Señoras de Santiago en 1919, foi inaugurado o 30 de outubro de 1920 como sala de eventos e espectáculos para os seus socios. Tras diferentes usos, entre os que foi tamén sala de cinema, e despois de dúas décadas sen representacións, en 1996 a Xunta de Galicia adquiriu o inmoble co obxectivo de recuperalo como espazo escénico. 

Foi en outubro de 1999 cando o Salón Teatro abriu de novo as súas portas para a estrea de Se o vello Sinbad volvese ás illas..., de Álvaro Cunqueiro, polo Centro Dramático Galego. Desde entón e como sede da compañía institucional, acolle a exhibición en Santiago de todas as súas producións propias, ademais dunha carteleira aberta ás diferentes disciplinas escénicas, entre outras actividades.