Vigo estrea un novo carril bici e plantexa outros tres

Pode que Vigo sexa famosa polas súas costas, pero dende o concello están convencidos do seu potencial para os ciclistas. Esta mañá inaugurouse un novo carril bici que parte da Avenida de Buenos Aires e conclúe na Avenida de Europa, novos quilómetros de senda ciclista xa dispoñibles coa única excepción do cruce da Gran Vía en Venezuela, pendente pola obra de instalación das ramplas mecánicas.

Un novo carril que prevé ampliarse no futuro próximo. O concello xa traballa nas expropiacións necesarias para obter o solo que permita estender o carril pola Avenida de Europa ata Samil. 

E que ademais é tan só un dos varios carriles que plantexa o consistorio. Segundo explicou o alcalde, Abel Caballero, están previstos tres novos trazados na cidade, sen contar coa senda verde que unirá a estación de Urzáiz en Vía Norte con Teis pola antiga vía do tren. 

Unha aposta pola bicicleta como medio de transporte que foi ben valorada pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, que aproveitou a inauguración desta mañá para salientar a “transformación” experimentada pola cidade nos últimos anos, poñendo en valor este “novo modelo de mobilidade que promove as peonalizacións e o uso ciclista das rúas” e elevando a Vigo en “referencia de accesibilidade, mobilidade e seguridade viaria”.